A autora Inma López Silva imparte o primeiro obradoiro da Escola de Letras
Por Redacción
Trinta persoas participarán a partir desta semana na terceira edición da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia.
A encargada de marcar o punto de inicio desta nova edición da escola será a autora Inma López Silva, que impartirá as primeiras sesións dos seus dous obradoiros literarios en Vigo e Pontevedra a partir deste martes 8 e o xoves 10 de febreiro, respectivamente.
A formación da autora continuará os días 15 e 22 de febreiro, 8, 15 e 22 de marzo e 5 e 19 de abril no curso de Vigo (que se celebra na sede da Deputación na cidade) e os días 17 e 24 de febreiro e 3, 10, 17, 24 e 31 de marzo no curso de Pontevedra (desde o Edificio Administrativo, a carón do Pazo provincial).
A Escola de Letras non pode comezar de mellor xeito, xa que as prazas para os dous cursos (15 en cada) que comezan estes días esgotáronse en soamente tres horas desde o inicio do prazo de inscrición e contan cunha ampla lista de agarda, o que demostra que existía unha demanda social deste tipo de programas.
Este ano a Deputación e Editorial Galaxia, para fomentar unha maior variedade entre o alumnado dos distintos cursos, decidiron mudar o sistema de inscrición na Escola, de xeito que non se poderán solicitar prazas ata un mes antes do inicio de cada curso (os inicios dos prazos serán comunicados convenientemente).
Relacionadas:
-
RADIO.- 'Escola de mulleres', unha novela feminista que cuestiona determinadas opinións do feminismo
Por Redacción |
-
A Feira do Libro de Frankfurt, trampolín para a proxección internacional da Escola de Letras
Por Redacción |
-
O obradoiro da Escola de Letras en Pontevedra con Inma López Silva esgota as súas prazas
Por Redacción |
-
Terceira edición da Escola de Letras da man da Deputación e Galaxia
Por Redacción |