'Escola de mulleres' por Editorial Galaxia, en galego, ou 'Escuela de mujeres' por Tres Hermanas, en castelán, é o último titulo de Inma López Silva. Escritora, ensaísta, crítica de teatro, profesora da ESADg, ex profesora universitaria e ex política. Acompáñanos no 'Cara a cara' con motivo da presentación da novela en Pontevedra.
Un título que inician tres recoñecidas mulleres, María Casares, Simone de Beauvoir e Zelda Fitzgerald, sentadas nunha cafetería criticando á protagonista de 'Escola de mulleres', Gloria. Tamén hai que dicir, que ela, Gloria, escribe sobre elas; máis exactamente traduce a correspondencia que elas se intercambiaban cos seus respectivos amantes. Gloria: a filóloga, a muller, a esposa, a nai, a amante, a paciente de psiquiatría, a soñadora,... todas elas conducen aos lectores polos límites persoais e alleos, polos convencionalismos, polo empeño en cumprir a vida que se desexa.
López Silva tamén matiza que "é unha novela que nun momento dado pode cuestionar determinadas opinións do feminismo. O feminismo, como todas as filosofías e ideoloxías con compoñentes políticas, ten matices e iso significa que se poden adaptar co tempo. A apertura de determinados debates - que o feminismo non ten que resolver -, é o punto de vista onde se sitúa 'Escola de mulleres', na exposición das preguntas e aí está o feminismo que defende o libro".
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.