A Deputación quere "encher de Rosalía a nosa provincia"
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Este ano a celebración do Día de Rosalía adiántase ao 23 de febreiro. Esta foi a data acordada pola Fundación Rosalía e as principais institucións implicadas, tras basearse nos resultados do traballo do investigadora Sagrario Abilleira, no que se acredita que este foi o día de nacemento da autora.
A Deputación de Pontevedra quere "encher de Rosalía a nosa provincia" e súmase a esta celebración cunha dobre xornada propia, os días 23 e 24 de febreiro nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, das que informaron este venres a presidenta Carmela Silva, xunto ás deputadas Victoria Alonso e María Ortega, responsables dos departamentos de Cultura e Lingua, respectivamente.
Victoria Alonso anunciou que, co obxectivo de achegar a súa figura ao público máis novo, a Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do concurso A Nosa Rosalía, que este ano adopta o formato musical, no que cada aula ou grupo do colexio poderá presentar un vídeo breve coa súa proposta de poema de Rosalía musicado. Este poderá ir acompañado dunha coreografía, un baile, un movemento ou calquera tipo de atrezo.
Esta convocatoria está dirixida a todo o alumnado dos centros de educación primaria da provincia de Pontevedra, que poderá participar de maneira colectiva (por aulas ou grupos e sen límite por centro educativo).
Haberá dúas categorías neste concurso: Campaniñas: 1.º, 2.º e 3.º de primaria (de 6 a 9 anos) e Airiños: 4.º, 5.º e 6.º de primaria (de 9 a 12 anos). O prazo de presentación das propostas é ata o día 17.
Os grupos premiados anunciaranse no transcurso dos actos que a Deputación de Pontevedra celebrará con motivo do Día de Rosalía o 23 de febreiro no Pazo provincial en Pontevedra e o 24 na Sede da Deputación en Vigo, e aos que se convidará a participar, de maneira presencial, a unha ou un representante de cada centro premiado e tamén, a través de streaming, aos propios grupos de nenos galardoados. Así mesmo, proxectaranse todos os vídeos gañadores.
Neste acto está prevista tamén a actuación musical do grupo de pandereteiras belga chamado "Ialma" e regalaranse camelias Rosalía aos asistentes e un libro da colección Medal, que pon en valor a poesía escrita por mulleres da provincia.
María Ortega engadiu que neste acto lerase o manifesto de Rosalía a cargo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, escrito por Beatriz Maceda.
Ademais, o alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e o do IES Manuel Antonio de Vigo elaborarán un 'caldo de gloria' que será repartido entre o público asistente aos actos que se poderá levar o cunco para as súas casas.
A Deputación de Pontevedra tamén organizou actividades xunto á Casa de Rosalía, por exemplo, a repartición entre a hostalería de tota a provincia duns manteis "onde se difunde a cociña tradicional rosaliana".
Relacionadas:
-
Camelias, poesía e música na Deputación para lembrar a Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Música e poesía para conmemorar en Pontevedra o Día de Rosalía
Por Redacción |
-
Concerto en Pontevedra das cantareiras 'Ialma', as "tanxubelgas" fillas da emigración
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobados 3,5 millóns de euros do Plan Concellos en recursos que beneficiarán a 21 municipios da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
A biblioteca acollerá talleres de deseño gráfico, robótica e actividades arredor do Entroido e do Día de Rosalía
Por Redacción |