Pontevedra primeira parada da mostra itinerante "Camiños do Sur"
Por Redacción
A avenida de Santa María, xunto ao Palacete das Mendoza, acolle a exposición "Camiños do Sur" unha mostra itinerante que ten en Pontevedra a súa primeira parada antes de visitar Baiona, Tui, Redondela e Caldas.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva inaugurou a mostra este venres nun acto no que estivo acompañada pola alcaldesa de Redondela Digna Rivas, a concelleira de Pontevedra Yoya Blanco, o concelleiro de Caldas e deputado provincial Manuel González e a deputada de Turismo Ana Laura Iglesias.
A mostra forma parte do proxecto europeo "Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular" para espallar "as diversas miradas" da ruta a Compostela como un camiño que se desenvolve a través das cidades, vilas e pobos, e "que deixa unha forte pegada, non soamente polo feito de realizar o percorrido, senón tamén pola cultura, gastronomía, historia e patrimonio inmaterial e material".
Tamén persegue poñer en valor "o carácter transfronteirizo" do territorio e "que a xente nos coñeza, espertar o interese e amosar que somos xente hospitalaria, que nos encanta recibir, que queremos que veñan a coñecernos porque coñecernos é namorarse, namorarse é querer e querer é construír paz. Soamente os imperialistas cren que o único importante é o seu e están a favor das guerras. Nós somos xente de ben que queremos construír xuntas e xuntos", engadiu Carmela Silva.
Participan neste proxecto europeo, xunto á Deputación de Pontevedra, outras entidades do Estado e de Portugal como as deputacións de Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Huelva, Sevilla, Ourense e Zamora, a Xunta de Extremadura, e, de Portugal, Turismo do Alentejo, Turismo do Centro e a Cámara Municipal de Barcelos.
Amais da mostra estanse a desenvolver outras iniciativas para impulsar unha actuación homoxénea de sinalización, mellorar equipamentos, empregar tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos e implantar unha estratexia compartida para a conservación, dinamización e prestación de servizos no camiño.
Relacionadas:
-
Caldas de Reis, última parada da exposición "Camiños do Sur"
Por Redacción |
-
A Deputación destinará 220.000 euros para continuar profesionalizando as oficinas de Turismo Rías Baixas
Por Redacción |
-
Poesía, música e danza, na presentación do catálogo sobre a exposición 'O Camiño e as artes'
Por Redacción |
-
Os 'Camiños do Sur' arrancan a súa viaxe no Palacete das Mendoza
Por Redacción |