Un recital a partir da obra de Xela Arias para conmemorar en Caldas o Día da Poesía
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra sumouse este 21 de marzo ás celebracións do Día Mundial da Poesía desde o Auditorio de Caldas de Reis, cun recital e a inauguración da exposición 'Lebres como Gacelas', que rende homenaxe á autora Xela Arias coa fusión de poesía e fotografía da man de sete autoras referentes da escrita galega e dous artistas.
Precisamente, dúas das poetas cuxa obra está presente na mostra, Antía Otero e Lorena Conde, protagonizaron o recital coa lectura dos seus poemas, acompañadas ao piano e á guitarra polas docentes da Escola de Música de Caldas Yamini Teresa Prabhu Barretto e Mónica Fernández Loureiro.
A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, remarcou nesta xornada a importancia de seguir a reivindicar o talento feminino na cultura.
"Xela Arias foi unha muller única, empoderada e rebelde, que pretendía rachar co que non lle gustaba. A súa figura é un referente para todas as mulleres da escrita galega, exemplificada hoxe con este grupo de poetas que coa súa arte moven conciencias e axúdannos a que as novas xeracións teñan unha estela que seguir", manifestaba a presidenta provincial.
A exposición, ideada no marco da programación de homenaxe a Xela Arias con motivo da celebración das Letras Galegas 2021, toma como inspiración a obra da autora Tigres coma cabalos (1990), na que cada poema da escritora se confrontaba cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gil.
A mostra presenta un total de 21 poemas de Antía Otero, Lorena Conde, Tamara Andrés, Alba Cid, Lara Dopazo, Miriam Ferradáns e Olga Novo, que crearon un diálogo para as 21 fotografías de Eva Díez e Fran Herbello, artistas con estilos diferenciados que tratan temas como a arquitectura, especialmente relacionada coa paisaxe, así como a pegada do corpo humano na vivenda e nas citadas paisaxes.
A exposición estará aberta ao público no Auditorio de Caldas de Reis os martes, mércores, xoves e domingos, de 17 a 19 horas ata o 24 de abril. Coa súa exhibición en Caldas, 'Lebres como Gacelas' inicia a súa itinerancia pola provincia, recalando neste 2022 en Tui, Silleda, Poio e Cambados.
Relacionadas:
-
Unha sesión de contos deu o pistoletazo de saída á programación de Caldas polo Día da Muller
Por Redacción |
-
'Imos contar historias', o vídeo que recolle a memoria oral das xentes de Caldas
Por Redacción |
-
Recala en Caldas a exposición sobre o Centenario da circunnavegación de Magallanes e Elcano
Por Redacción |