Unha sesión de contos deu o pistoletazo de saída á programación de Caldas polo Día da Muller
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Inés Fuentes, presentou a programación do mes de marzo con motivo do Día Internacional da Muller, que se iniciou este xoves no Auditorio co obradoiro e sesión de contos baixo o título "Na túa man", a cargo de Raquel Queizás, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria dos centros educativos do municipio.
Nestes obradoiros ponse en valor o respecto, a tolerancia e a comunicación dentro das relacións de parella e desmitifícase o mal chamado "amor romántico" para dar a coñecer o fenómeno da violencia de xénero e viáxase na procura de novos modelos saudables de parella.
"O cambio está nas nosas mans, na túa man" é o lema destes obradoiros.
O próximo domingo ás 18 horas terá lugar no Auditorio Municipal a peza teatral "Pum Pum" de Baobab Teatro, dirixido ao público infantil e familiar. Trátase dun espectáculo de monicreques e teatro de actor con música en directo e moita maxia e tenrura, cunha mensaxe moi clara: ninguén lles pode obrigar a facer cousas que non queren.
O mércores 9 de marzo representarase a obra de teatro musical "A nena que quería navegar", dirixido ao alumnado de infantil dos centros educativos de Caldas, co fin de sensibilizar sobre a igualdade de oportunidades e a prevención da violencia e do acoso escolar, a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima dos rapaces.
Xa a finais de marzo terá lugar un obradoiro de videocreación "O machismo nas redes sociais", dirixido ao alumnado de 4º de ESO, con contidos teóricos, prácticos e de creación que terá como resultado final unha curtametraxe sobre esta temática.
Inés Fuentes destacou "o esforzo do Concello ao longo do ano por sensibilizar dende a infancia en materia de igualdade" e apuntou que todas estas actividades están subvencionadas polo Fondo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e pola Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Un recital a partir da obra de Xela Arias para conmemorar en Caldas o Día da Poesía
Por Redacción |
-
A Subdelegación do Goberno coloca a súa pancarta con motivo do Día da Muller
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Agasallan aos usuarios da Praza de Abastos de Marín con tazas coa viñeta do Día da Muller
Por Redacción |
-
Concentración feminista en Bueu para celebrar o Día da Muller o vindeiro martes
Por Redacción |
-
Barro reflexionará o 8M sobre a situación das mulleres da man de tres veciñas
Por Redacción |