'Imos contar historias', o vídeo que recolle a memoria oral das xentes de Caldas
Por Redacción
Con motivo do Día de Rosalía, a concelleira de Cultura de Caldas de Reis, María López, presentaba este mércores 23 de febreiro no Auditorio Municipal o vídeo 'Imos contar historias', no que se recollen testemuñas orais de vinte persoas maiores das distintas parroquias de Caldas que falan das lembranzas e relatos da súa vida.
Trátase dun proxecto audiovisual de posta en valor da recuperación da tradición oral, tendo como fonte principal as persoas maiores, que foi impulsado polo Departamento de Cultura do Concello de Caldas cunha subvención da Deputación de Pontevedra para o apoio das actividades de dinamización da lingua galega.
As gravacións foron realizadas a finais do ano pasado, nas propias casas ou na contorna das persoas entrevistadas, para crear un clima de confianza. Na peza audiovisual falan das súas vivencias da infancia, na escola, dos oficios no campo, das súas casas, das festas e celebracións, ou de como se elaboraba o augardente, das colleitas, a malla, os palleiros ou das xuntanzas no río cando se ía lavar. A produción foi dirixida por Patricia Maquieira.
María López agradeceu ás persoas participantes e ás súas familias "pola súa dispoñibilidade para formar parte deste proxecto da oralidade como fonte de coñecemento, recuperando o noso pasado como fonte da memoria colectiva. O resultado desas conversas conforma un rexistro etnográfico moi interesante e unha importante herdanza cultural para as novas xeracións".