Contacontos e obradoiros para celebrar o Mes do Libro na Biblioteca
Por Redacción
Contacontos e obradoiros enchen de actividade a Biblioteca Pública da Xunta en Pontevedra ‘Antonio Odriozola’ no mes do libro.
A programación comeza con actividades enmarcadas no Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, cunha sesión de contos e cantos a cargo de Bea Campos o venres 1, ás 18,00 horas.
A partir desa data, as sesións organizadas cada venres conmemoran o Día Internacional do Libro. Así, na xornada do 8, ás 16,30 horas, desenvolverase o obradoiro creativo de caligramas 'Debuxa coas palabras', a cargo de Anias, para rapazada de oito a 12 anos.
O día 22, véspera da efeméride, ofrecerase o espectáculo para público familiar 'Vén a conto: contos para educar a intelixencia emocional', con acceso libre ata completar a cabida. A proposta de Raquel Queizás baséase na narración oral con obxectos, debuxos e monicreques.
Como peche da celebración, o venres 29 chega 'Reviravolta' con A fábrica de contos: obradoiro de creación de relatos 'cadáver exquisito', destinado a público infantil de seis a 12 anos. Estas sesións terán lugar ás 18,00 horas.
MOSTRAS BIBLIOGRÁFICAS
A maiores haberá mostras bibliográficas conmemorativas. Por unha banda, co gallo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, celebrado o 2 de abril por ser a data do nacemento do escritor Hans Christian Andersen, instalarase Érase unha vez… Andersen!
Trátase dunha selección das obras máis relevantes do autor de numerosos clásicos da literatura infantil. Poderá visitarse ao longo de todo o mes.
Na segunda quincena, a partir do 18 de abril e ata final do mes, haberá a mostra 22 libros para o Día do libro.
Ademais, durante a primeira quincena instalarase unha exposición sobre a vida e obra do pintor Laxeiro, artista homenaxeado este ano no Día das Artes Galegas.
Á marxe das actividades arredor das efemérides, o mes péchase cun curso de autoprotección feminina, dirixido a mulleres de 16 anos en diante. O presidente da Asociación Española de Defensa Persoal e Policial, Bernardo López, impartirá a actividade, o día 30 a partir das 10,00 horas.
A biblioteca acolle ademais todos os mércores ás 19,00 horas o curso de filosofía Filosofar no século XXI, impartido polo doutor en Filosofía e Ciencias da Educación Domingos Antom Garcia Fernandes, de acceso libre. En abril haberá sesións os días 6 e 27. O programa do curso pode consultarse na web do centro.