Tanxugueiras miran de novo cara Marín con Pano Corado, o seu novo tema

Por Alejandro Espiño
Pano Corado é a nova canción das Tanxugueiras. Todo un himno no que as cantareiras galegas reivindican o amor libre e a diversidade. Vén, como en ocasións anteriores, acompañado dun videoclip no que Marín e diversas localidades de Pontevedra teñen moito que dicir.
E non só porque este vídeo volva ser dirixido pola súa produtora de confianza, Trece Amarillo -coa que gañaron o Mestre Mateo polo videoclip de Figa- senón porque gran parte da súas localizacións graváronse en escenarios desta vila.
Con Pano Corado, tema que asinan xunto a Iago Pico, Tanxugueiras fan unha reivindicación á liberdade e de celebración da diversidade sexual e de xénero.
A intención, segundo elas mesmas expresan, é a de "normalizar o amor e a vida, derrubar barreiras e que cadaquén se sinta libre de amar a quen queira, que cadaquén goce do amor, da vida, de si mesma, da súa sexualidade ou da súa identidade como queira".
Inciden no seu interese de chegar, con esta canción, a todas nenas e nenos que as seguen. "Queremos que saiban e vexan que teñen referentes que as entenden, que as apoian e que celebran a diversidade", apuntan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.
O tema, que formará parte do seu terceiro disco, xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais e acompáñase dun colorido videoclip que se pode ver en Youtube.
O vídeo de Pano Corado, que se rodou este mes de maio, gravouse no Lago de Castiñeiras, no Lavadoiro de Mogor ou no Colexio San Narciso, ademais de en Santa Cruz (Moraña), Cangas, Catoira, Vigo ou a Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
A peza visualiza a través das imaxes a propia mensaxe da canción: unha celebración da diversidade, unha festa emotiva, unha disparidade de momentos que dan boa conta da ampla pluralidade de xeitos de amar, expresións de xénero ou mesmo vivencia das relacións en todas as idades e condicións.
Tal e como é habitual nos cantos e vídeos das cantareiras, os elementos tradicionais teñen un papel fundamental. Neste caso o pano, unha das pezas centrais do traxe tradicional, é o protagonista, transformado nesta ocasión nun pano con todas as cores.
Relacionadas:
-
RADIO.- Entramos na semana de Eurovisión e as 'Conversas na Ferrería' póñense en modo eurofán
Por Redacción |
-
Mel C, Ana Mena, Edurne, Ana Guerra ou Tanxugueiras, na gala Xacobeas en concerto
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Todos queren a Tanxugueiras: "chégannos tantas peticións que tentaremos repartir participación por toda a península"
Por Marisa Ciordia |