As Ruínas de San Domingos serán escenario dun concerto sobre a figura do fotógrafo José Suárez
Por Redacción
O recinto das Ruínas de San Domingos acollerá este mércores 18 de maio, a partir das 21.30 horas, un concerto sobre a figura do fotógrafo José Suárez. A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto, segundo indican desde o Museo de Pontevedra.
Rafa Fernández é o compositor de 'José Suárez: Suite para unha vida', un recital sonoro que xa se presentou en Bueu no mes de abril. O guitarrista estará acompañado por Pablo Pérez no contrabaixo; Virgilio da Silva na guitarra eléctrica; Álex Salgueiro nos teclados; e con elementos visuais creados por Iván Torres.
Este concerto ofrece pasaxes que se inspiran nas imaxes do fotógrafo, nacido en Allariz no ano 1902, que conta con obras baseadas nas actividades profesionais de xente do mar, profesionais da olería, da sega ou das romarías que se desenvolvían nas distintas localidades de Galicia a primeiros do século XX.
Suárez pasou un tempo na comarca do Morrazo que lle inspirou fotografías de mariñeiros. Durante o acto leranse textos do propio artista que tivo unha ampla carreira profesional ao colaborar con revísta 'Vida Galega' e ser realizador de curtametraxes. Tamén se lerán textos de Blanco Amor e de Miguel de Unamuno, con quen José Suárez mantivo unha amizade cando se coñeceron en Salamanca.