O libro disco 'Acorda', nova aposta da Deputación para que a memoria permaneza e chegue á xente nova
Por Redacción
O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este sábado a presentación do libro disco ‘Acorda’, un proxecto que define como unha "cartografía musical da memoria histórica na provincia" que chegará ás bibliotecas e centros de ensino co obxectivo de que a memoria histórica permaneza e chegue á xente nova.
Con motivo desta estrea, as cantautoras Uxía e Sheila Patricia estrearon unha peza musical composta ‘ad hoc’ para a ocasión e lograron que o público asistente as acompañara cantando "Ai, Acorda, Acorda, Acorda; Ai ‘Acorda’ xentiña nova, canta e fai resoar a memoria".
A presentación contou tamén coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva; a deputada de Memoria Histórica, María Ortega; a escritora e asesora de Memoria da Deputación Montse Fajardo; a fotógrafa Alba Díaz; e o escritor e guionista Lois Pérez.
A publicación do libro supón pasar a formato físico o documental ‘Acorda’, a peza audiovisual que xa se estreou o pasado. Inclúe textos explicativos e fotografías do ‘como se fixo’ todo ese traballo documental, ademais de vídeos gravados por Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido en ubicacións simbólicas de memoria.
A deputada María Ortega explicou que a "teima" do departamento de Memoria da Deputación é levar a cabo "accións que perduren no tempo", e Acorda é un bo exemplo.
Todo o material está recollido en dous USB e un libro para que sexa posible a libre visualización "porque só explicando o fascismo lograremos combatelo". Para logralo, usarán cómic, teatro, música en directo ou nun USB porque "todo nos vale na teima de rachar contra o silencio, acubillado nos lugares e nas xentes; para sumarnos a esas familias que quixeron rompelo no peor dos tempos".
A presidenta da Deputación sinalou que con este proxecto buscan "levar a palabra ao silencio, e encher o silencio e cultura que é capaz de converter o que se oculta en luz". Salientou que se trata de una iniciativa liderada por "mulleres valentes, rexas e fortes que se alían para levar adiante cousas capaces de cambiar o mundo fronte ás barbaridades que se ven día día" e "falar alto para que nada quede no esquecemento".
Montse Fajardo explicou que ‘Acorda’ inclúe lugares simbólicos da provincia, nun percorrido que comezou en Pontevedra, na antiga Escola Normal onde a República formaba o profesorado e que tras o golpe se converteu en cárcere; pasou por A Estrada para falar de represión; por Marín denunciando a represión con perspectiva de xénero e falando das mulleres asasinadas por seren solidarias; por Cangas; por Alcabre; pola Volta dos nove; por Guillarei; e, para rematar, por San Simón como lugar memorialístico para reivindicar unha sociedade mellor.
Alba Díaz sinalou que as fotografías son o mapa das feridas da represión franquista para que a xente nova coñeza que proxectos como Acorda "si poñen no mapa unha provincia, e non outro tipo de personaxes paseando a súa impunidade por esta provincia e este país", en clara alusión ao rei emérito Juan Carlos I.
Lois Pérez insistiu na importancia de que as novas xeracións teñan dereito a coñecer o fascismo franquista e a posibilidade de facelo abrindo un libro como o editado nas bibliotecas e centros de ensino.
Uxía, directora artística do documental ‘Acorda’, destacou que "a xustiza é reparadora, pero a música é bálsamo e ten poder transformador".
Relacionadas:
-
As ideas políticas "demonizadas" concentrarán a temática das xornadas contra a impunidade franquista
Por Redacción |
-
Xuristas con experiencia en Memoria Histórica consideran "cosmética" a nova Lei de Memoria Democrática
Por Redacción |
-
O Surfing the Lérez, primeira acción da campaña municipal para concienciar aos mozos sobre a Memoria Histórica
Por Redacción |
-
A Deputación programa a ‘Foliada da Memoria’ en homenaxe á música represaliada
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
O sábado presentarase o libro-disco do proxecto de memoria histórica 'Acorda'
Por Redacción |
-
O Casal de Ferreirós acollerá o programa 'A memoria do noso'
Por Redacción |
-
O documental sobre memoria histórica 'Acorda', na plataforma Filmin ata o 24 de novembro
Por Redacción |
-
'Cineuropa' inclúe na súa sección oficial ao documental 'Acorda' sobre a memoria histórica
Por Redacción |
-
‘Acorda’, o documental sobre a memoria histórica, chega este venres ao Ourense Film Festival
Por Redacción |