O Museo pide a Europa tres millóns para contribuír á rehabilitación dos seus edificios centrais
Por Redacción
O Museo de Pontevedra, a través da Deputación, vén de solicitar unha subvención de tres millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), no marco dos fondos europeos Next Generation, para consolidar, restaurar e realizar unha interconexión accesible mediante o subsolo dos seus edificios centrais.
O vicepresidente César Mosquera explica que se trata do importe máximo de subvención ao que se pode optar na convocatoria, unha petición que se presenta con bastante confianza de obter bos resultados porque “se cumpren todos os criterios de concesión”. A convocatoria conta cun orzamento total de 480 millóns de euros.
Neste sentido, no expediente presentado polo Museo á convocatoria sublíñase que o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais aúna criterios de eficiencia enerxética que responden ás directrices do Pacto Verde Europeo con outros de sustentabilidade, inclusión e calidade arquitectónica.
Os seis criterios de valoración concretos recollidos nas bases do programa, e que o Museo cumpre, fan referencia á calidade, enfoque integral, innovación, gobernanza, solidez e oportunidade. Sobre o primeiro valor, na candidatura sublíñase que a obra servirá para que este Ben de Interese Cultural recupere un uso museístico contemporáneo, tecnificado, sostible, dixitalizado, accesible e flexible que permita a correcta conservación do propio ben".
Sobre o enfoque integral, apúntase que ademais da redución do consumo enerxético en torno ao 80%, introdúcese accesibilidade completa ao establecer unha plataforma única por piso, e entre plantas, mediante ascensores. En canto á gobernanza a rehabilitación das edificacións, salienta o Museo, é o resultado da xestión e interacción con diferentes axentes sociais, baseada en criterios de responsabilidade compartida, participación, transparencia e eficiencia.
Sobre a solidez da proposta de rehabilitación presentada, na xustificación da candidatura o Museo subliña que desde o peche ao público en 2014 dos edificios centrais sucedéronse diferentes iniciativas para solución da accesibilidade, todas elas incompatibles coa catalogación dos edificios, ata que en 2020 se puxo sobre a mesa o programa específico de actuacións técnicas conxuntas para a restauración dos edificios que engloba o desenvolvemento da actual proposta mediante unha conexión subterránea con encaixa na protección patrimonial e a normativa urbanística.
Finalmente, no relativo á oportunidade do proxecto e á súa subvención, o Museo de Pontevedra defínese como unha das principais institucións culturais de Galicia, “polo que a rehabilitación de dúas das súas sedes primixenias é unha demanda cidadá desde hai anos”, lembra o vicepresidente Mosquera.
A xustificación técnica da petición dos fondos europeos apunta que para o cumprimento da súa función social, ademais de facilitar a renovación do seu programa expositivo, a rehabilitación das edificacións permitirá incorporar novas funcións mediante a creación do ‘MuseoLAB’, un espazo concibido para o desenvolvemento de programas educativos orientados a toda a comunidade desde a innovación e a cooperación para a creación e transferencia de contidos educativos.
“Esta actuación será de utilidade para a comunidade local, pero tamén para todos os visitantes e peregrinos de paso polo Camiño Portugués rumbo a Santiago de Compostela”, engaden.
Relacionadas:
-
O Museo consigue tres millóns de euros de subvención do PIREP para rehabilitar os seus edificios centrais
Por Oskar Viéitez |
-
Asinan o convenio para a cesión dos terreos necesarios para a unión subterránea dos edificios do Museo
Por Manu Otero |
-
A Deputación busca financiación europea para os edificios do Museo
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |