O Museo consigue tres millóns de euros de subvención do PIREP para rehabilitar os seus edificios centrais
Por Oskar Viéitez
O Museo de Pontevedra vén de conseguir unha subvención de tres millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos –PIREP- no marco dos fondos do Next Generation para realizar as obras de consolidación, restauración e interconexión mediante o subsolo dos seus edificios centrais situados na Praza da Leña.
Trátase da primeira inxección de fondos externos que consegue o Museo para iniciar unha obra "moi necesaria para o futuro da institución", segundo destaca o vicepresidente César Mosquera.
O proxecto para a rehabilitación do Museo foi un dos 181 seleccionados de entre os 1.020 presentados e acadou unha puntuación de 51,75 puntos. Outros 799 expedientes de solicitude non foron aprobados e outros 140 nin sequera pasaron á fase de valoración por incumprimento dos requirimentos ou desestimento das administracións solicitantes.
A petición económica da Deputación no contexto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) fixérase en xuño de 2022. Calculárase sobre un custe total elixible da obra (sen impostos) de 3,8 millóns de euros e un orzamento total (tamén sen impostos) de 6,5 millóns de euros.
Mosquera destaca que a súa aprobación supón unha "grande satisfacción", entre outras cousas, porque se acadou o importe máximo ao que se podía optar na convocatoria, unha contía que se entendía difícil, pero que no seu momento se presentara con bastante confianza de bos resultados porque se cumprían todos os criterios esixidos. É de subliñar que na resolución aprobada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana apenas acadaron a cifra de fondos máxima de tres millóns de euros outras 14 institucións locais, sendo o importe mínimo concedido de 236.470 euros.
No expediente presentado polo Museo á convocatoria subliñábase que o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais "é un claro expoñente da visión integral promovida polo PIREP, unindo criterios de eficiencia enerxética que responden ás directrices do Pacto Verde Europeo con outros de sustentabilidade, inclusión e calidade arquitectónica da Nova Bauhaus".
A proposta da rehabilitación "garante o cumprimento dos prazos previstos, o aforro enerxético e a incorporación de altos estándares de calidade arquitectónica en consonancia co conxunto patrimonial dos edificios do Museo de Pontevedra", dicía a solicitude.
Unha vez aprobada a resolución do Goberno central coas subvencións concedidas, o Museo ten de prazo ata o 18 de abril para aceptar a axuda e as súas condicións a través da plataforma creada ao efecto.
Relacionadas:
-
Vía libre para a reforma integral dos edificios centrais do Museo de Pontevedra
-
O "gran día para Pontevedra" no que avanza o proxecto para rehabilitar os edificios centrais do Museo
Por Natalia Puga |
-
O Museo sumou máis de 5.400 visitas en Semana Santa
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra, sen fondos europeos para as reformas do Pazo, o Principal e o Municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O Museo de Pontevedra entra na "Champions dos museos"
Por Oskar Viéitez |
-
Presentan un proxecto de 8 millóns de euros para rehabilitar os edificios centrais do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo pide a Europa tres millóns para contribuír á rehabilitación dos seus edificios centrais
Por Redacción |
-
A Deputación busca financiación europea para os edificios do Museo
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |