Dez pontevedreses enchen Santa Clara de historias populares na final de ‘Bótalle un conto’
Por Redacción
Dez veciños de Pontevedra participarán este domingo 19 de xuño na final do programa 'Bótalle un conto', programa promovido desde a área de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, na igrexa de Santa Clara.
O concurso contou coa participación de case corenta persoas, con idades comprendidas entre os 88 e os 17 anos, ofrecendo diferentes e variados xeitos de contar as historias elixidas, se ben na final deste domingo, as idades variarán entre os 87 e os 33 anos.
O concurso naceu como un certame de contos orais onde amosar a túa habilidade para emocionar ou engaiolar coa palabra.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, quixo animar a toda a veciñanza de Pontevedra a acudir a esta final presencial do domingo, ás 19.30 horas, co fin de "descubrir o talento que non poucos veciños e veciñas da cidade teñen á hora de lograr sentirnos dentro das súas palabras".
Os finalistas amosarán o seu talento e as súas habilidades á hora de narrar relatos a través da oralidade, lembrando a importancia da oralidade dentro da cultura e sociedade galega e poñendo en valor este xeito de transmitir coñecementos e anécdotas.