Arrinca a segunda edición de 'Bótalle un conto', a "Eurovisión" local para emocionar coa palabra
Arrinca a nova edición de 'Bótalle un conto', unha iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor a riqueza lingüística de Galicia en base a historias, contos e lendas existentes ou creados pola veciñanza. Este martes tivo lugar a súa presentación na que participou Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística.
O Concello de Pontevedra habilitará unha serie de datas nos centros sociais das parroquias do municipio, onde haberá unha persoa asignada cunha cámara, nas que a veciñanza que queira participar poderá realizar as gravacións dos seus contos en galego, que non poden superar os catro minutos.
Unha vez filmados, pasarán ás mans dun xurado especialista, inicialmente formado por Polo Correo do Vento e Pavís Pavós, segundo anunciou Oubiña. Este xurado analizará a peza e valorará o estilo, a orixinalidade da narración e a capacidade de comunicación para seleccionar os contos que pasarán á final, que será pública e aberta. Desa final, sairán os gañadores, que optan a catro ceas para dúas persoas en locais da cidade de Pontevedra.
A primeira gravación terá lugar o 20 de marzo ás 19:00 horas en Cerponzóns e a última o 19 de abril ás 18:00 horas en Ponte Sampaio.
A parroquia gañadora acollerá a final do ano seguinte baseándose, segundo o edil, no "modelo Eurovisión". Este ano celebrarase o 21 de maio no Centro Sociocultural de Santa María de Xeve ás 18:30. Nela participarán os contos seleccionados polo xurado e serán gravados en directo.
O concelleiro incidiu en que a gran final da pasada edición "é un dos vídeos con máis visualización na canle de YouTube do Concello" e está a disposición de toda a veciñanza en caso de querer consultalo.
A inscrición poderá realizarse a través do número de teléfono 986.85.22.71 ou da seguinte páxina web.
Oubiña asegurou que "nesta edición poderemos chegar a máis público que a pasada" xa que afirmou que, debido á pandemia, o ano pasado os centros sociais estiveron pechados e isto afectou negativamente á iniciativa.