Baiuca pon en pé a Poio no inicio do festival Sons de Ánkar
Por Redacción
Combinando a música electrónica co folk galego, Baiuca non deu un respiro ao público no concerto que abría este venres a terceira edición do festival Sons de Ánkar.
O proxecto musical do catoirés Alejandro Guillán, todo un referente no panorama musical pola súa mistura dos sons tradicionais e formatos máis actuais, non deixou indiferente a ninguén.
Con este concerto, o artista repetiu presenza en Poio, logo do ofrecido en Ánkar ou ano pasado e que, como nesta ocasión, contou cunha gran afluencia de público.
Baiuca exhibiu en directo os temas incluídos nos seus dous discos, Solpor (2018) e Embruxo (2021).
Con este último traballo, recentemente logrou dous Premios da Música Independente (MIN) á mellor gravación de electrónica e ao mellor álbum en galego.
Sons de Ánkar continuará este sábado co concerto do cantautor galego Andrés Suárez.
Como o de Baiuca, o concerto, que comezará ás dez da noite, terá entrada libre.