O Festixeve regresa a Santo André con Sés como gran atractivo musical
Por Redacción
As Festas de Verán non se deteñen. Tras o inicio do Festival de Jazz e Blues, previsto para esta noite, outro dos programas festivos arrancará a partir de este xoves 21 de xullo. É o Festixeve, que volverá encher de bo ambiente o campo de Vilar de Fragoso, en Santo André de Xeve.
Xogos, exposicións, degustación de produtos típicos da terra e, sobre todo, música forman a programación do Festixeve que chegará coa actuación estelar de María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés. Será o sábado 23 de xullo, a partir das dez da noite.
As actividades comenzarán este xoves, ás 19:00 horas, cunha sesión de xogos para crianzas, así como cantos de taberna e música tradicional con Fervellos do Pío.
O venres vólvense a convocar as actividades infantís e a oferta festiva dese día complétase cun campionato de rastrexo e a actuación dun DJ.
Xa o sábado 23 de xullo, inaugurarase a exposición dos 25 anos da Asociación Recriativa de Xeve, unha entidade moi arraigada na parroquia e con moita actividade e vinculación na cidade xa que son os encargados de crear o Ravachol e participan cada ano no desfile da Feira Franca.
A actividade infantil do sábado serán inchables que se abrirán a partir das 18.00 horas, e ás 22.00 horas están programados os concertos de Sanjurgo, Dopico e Cardalda e Sés. O fin de festa correrá a cargo dun DJ.
O domingo, o último día do Festixeve, recupérase o xantar popular no campo de Vilar de Fragoso, así como a actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas e xogos populares para todas as idades a partir das 13:00 horas.
Tamén está programada a actuación de Pulpiño Viascón e música da charanga Charandonga, durante a tarde, mentres se ofrece aos participantes na festa unha degustación de empanada e rosca. As actividades infantis serán inchables e festa da escuma de 16:00 a 20:00 horas.