Carlos Núñez e catro agrupacións folclóricas homenaxearán a Ricardo Portela en Viascón
Por Redacción
Ata setecentas persoas poderán asistir ao concerto que o Xacobeo 21-22 impulsa en Cerdedo-Cotobade. Será unha homenaxe a Ricardo Portela na súa vila, en Viascón. Os protagonistas serán o gaiteiro Carlos Núñez e catro agrupacións folclóricas do municipio.
No concerto, que se celebrará este sábado 27 de agosto no adro da igrexa, participarán Os Trazantes de Tenorio, Grupo Foula, Os Abrentes de Cerdedo e os Afoutes do Canón de Pau.
Para acceder ao concerto será obrigatorio dispoñer de unha das entradas que desde principios deste mes os veciños levan recollendo nas oficinas municipais de xeito gratuíto. Por motivos de seguridade, quen non dispoña de entrada non poderá entrar.
Na presentación do concerto, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, salientou a importancia e a oportunidade que suporá para os músicos das catro agrupacións folclóricas do municipio poder compartir en dúas pezas escenario con Carlos Núñez.
Nelas, os gaiteiros e os bailaríns terán un papel fundamental, polo que levan xa varios días ensaiando de xeito exhaustivo para que todo saia ben nesta ocasión histórica para o folclore local ao fundirse nunha mesma actuación coa música dun gaiteiro internacional.
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, sinalou que pola coincidencia do Xacobeo cos actos en homenaxe a Ricardo Portela, veuse de "especial interese" a petición de incluír este concerto na programación musical do Ano Santo.
Relacionadas:
-
A 'Danza de Espadas' de Carlos Núñez, en primicia en Marín
Por Redacción |
-
RADIO.- Este próximo sábado o ovo pinga no pan en Tenorio
Por Redacción |
-
Tres días de festa en Viascón na honra de San Antón e a Virxe de Lourdes
Por Redacción |
-
Cepeda, o concerto 'xacobeo' en Sanxenxo: o 3 de setembro, xunto a Antía Muíño
Por Alejandro Espiño |