209, un dúo de metal experimental misterioso e pontevedrés, publica 'Urco'
Por Redacción
209 é un dúo de metal experimental nacido en Pontevedra neste ano 2022. En maio editaban o seu primeiro Ep e agora adiantan un tema do seu primeiro traballo de longa duración.
O sinxelo leva por título 'Urco' e atópase inspirado na lenda mitológica que sitúa aos Urcos vivindo ás beiras do río Lérez. Estes músicos aproveitan o misterio e a escuridade que ofrece esta fábula para crear pasaxes sonoras densas que ofrecen unha imaxe dunha Pontevedra máxica e distópica.
Un urco era un animal fantástico que se asocia ás mitoloxías galega e asturiana. Adoptaba a forma dun can enorme, de cor negra, con grandes cornos e orellas.
O primeiro disco de longa duración de 209, segundo a formación, sairá publicado a partir do 20 de setembro en todas as plataformas e tamén levará o título de 'Urco'. Os integrantes do dúo tamén xogan co misterio e prefiren gardar o anonimato, a pesar de que levan máis de quince anos de traxectoria profesional, nestes tempos onde predomina a imaxe nas redes sociais.