Son The Same pero non é 'the same' ou son 'O Mesmo' pero non é 'o mesmo'. E cóntannolo en PontevedraViva Radio dous dos seus catro integrantes. En 2021 embarcáronse nun novo proxecto musical, tres deles xa tiñan experiencia en formacións musicais e o 'iniciado' contaba e conta cunha portentosa voz que aos seus compañeiros de grupo lembráballes a Johnny Cash. De feito a idea inicial era ser unha banda tributo de Cash.
Cambiaron ese country rock polo rock, mirando ao son AOR do século XX. As letras que cantan están compostas en inglés e o seu contido non resulta nada anodino. O seu artífice é Antonio Villanueva (ex Avelaíña), o compositor e guitarrista do grupo que nos conta por que neste idioma e por que esas letras. Xunto a el, José Montejano, a grave voz de The Same ademais de baixista.
Para completar a formación pontevedresa, aínda que non nos puideron acompañar no podcast 'Cara a cara', José Ángel Abraldes é o teclista e Miguel González (ex Os Resentidos) o baterista. Ademais contaron con dúas voces femininas para a parte coral, as de Aurora Rodríguez e Ambe Beban.
Xa teñen o seu primeiro disco, editado en formato CD e en plataformas dixitais, que leva tamén por nome 'The same' e é que como di Villanueva, "para un primeiro disco o que hai que promocionar é o grupo".
Un primeiro disco con nin máis nin menos que vinte cancións. Un pequeno detalle que non resta nada a esta banda nin ao seu disco, máis ben ao contrario: dous deles teñen discapacidade visual e son afiliados á ONCE.