Oes Marty, que fai o Delorean aparcado en Vilagarcía?

Por Redacción
O Delorean da película "Regreso al futuro" exporase en Vilagarcía no mes de outubro coincidindo coa celebración do Curtas, o Festival do Imaxinario de Vilagarcía.
O mítico coche no que Doc fai que Marty McFly viaxe no tempo permanecerá os días 21 e 22 de outubro na rúa Alcalde Rey Daviña, onde todo o que queira poderá fotografarse con el como se fora o protagonista da popular saga cinematográfica dirixida por Robert Zemeckis.
Curtas dedica a edición deste ano ás viaxes no tempo coa saga "Regreso ao Futuro" como eixo central dun percorrido a través dos derradeiros 50 anos do cinema fantástico. Os primeiros invitados confirmados son o director e guionista estadounidense Mick Garris, o ilustrador británico Dave McKean e a actriz, directora e escritora danesa Lone Fleming.
O cartel, obra por segundo ano consecutivo do artista arxentino Flavio Greco, presenta a celebración destes cincuenta anos cunha nutrida selección de robots e androides cinematográficos reunidos na contorna do Convento de Vista Alegre de Vilagarcía.
Dentro das celebracións dos 50 anos do Festival do Imaxinario exhibiranse diversos títulos entre os que destaca a proxección de "Nosferatu" que, con motivo do seu centenario será musicada en directo polo quinteto Caspervek.
Para pechar, Curtas Festival do Imaxinario proxectará un dos títulos máis representativos do musical fantástico, "The Rocky Horror Picture Show", que contará coa participación da compañía madrileña Dramakuin, cuxos membros, coa película como pano de fondo, irán caracterizados como os personaxes para recrear os números musicais diante da pantalla e coa participación do público transformando o show nunha gran festa.
As exposicións de Curtas Festival do Imaxinario son un dos grandes atractivos do evento. Este ano incluirá unha gran colección, que inclúe máis de 400 obxectos, roupa dos personaxes, merchandising, autógrafos, e por suposto, algunhas pezas orixinais da saga de Regreso al futuro e outras rarezas.
Ademais, Pedro Torromé, fundador de Regreso al futuro SPAIN, a maior comunidade fan en España da saga, presentará a súa Masterclass "Esto es muy fuerte Doc", onde afondará nas curiosidades da famosa triloxía, que tamén inclúe un concurso con agasallos.
Tamén haberá unha exposición na que Javier Olivares e Santiago García -gañadores do Premio Nacional do Cómic en 2015- achegan a súa visión da Guerra dos Mundos na súa segunda adaptación literaria. Unha mostra cun percorrido pola obra do galardoado autor de banda deseñada Paco Roca e os membros da Asociación Española de Caricaturistas presentarán unha sentida homenaxe a través da caricatura a algunhas das personalidades máis representativas do cinema de terror e ciencia ficción. Además haberá unha exposición repasando o traballo do ilustrador arxentino Flavio Greco.
Relacionadas:
-
O Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía, declarado evento de Interese Turístico Local
Por Redacción |
-
Os Rías Baixas Film Fest avanzan cara a internacionalización neste 2022
Por Redacción |
-
'The Sadness' recibe o premio á mellor película do Curtas 2021 coa presenza do mítico Joe Dante
Por Redacción |