Volve 'Jazz no Principal' con Abe Rábade e Paco Charlín para celebrar 20 anos de ciclo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
En marzo de 2020 irrompía a pandemia obrigando a suspender o ciclo de 'Jazz no Principal' no seu vinte aniversario. Máis de dous anos despois, o Seminario Permanente de Jazz (SPJ) en colaboración co Concello retoma esta cita jazzística cunha edición especial para conmemorar esa celebración de dúas décadas. Os músicos referentes do jazz galego e profesores do SPJ serán os protagonistas dos dous concertos que se desenvolverán esta semana no Teatro Principal.
Na xornada deste mércores 12 de outubro, a partir das 21.00 horas, Abe Rábade ao piano e acompañado pola banda SPJ Talents ofrecerá a primeira actuación, mentres que o xoves 13 chegará a segunda cita da man do contrabaixo do arousán Paco Charlín, que estará rodeado por músicos da SPJ Meeting. As entradas pódense adquirir ao prezo de tres euros en Ataquilla ou unha hora antes dos concertos no despacho de billetes.
Carme Fouces, concelleira de Cultura, e Luís Carballo, coordinador do Seminario, presentaban este luns estas dúas citas musicais que contarán cunha "selección de grandes músicos", que puideron acudir a este ciclo especial onde os artistas propoñen o seu estilo con composicións propias, segundo explicaba Carballo.
Rábade estará acompañado por Javier Pereiro á trompeta; Virxilio da Silva á guitarra; Juan Santomé ao contrabaixo; e Héctor Agulla á batería. Pola súa banda, Paco Charlín ofrecerá un recital con máis músicos: Alberto Rodríguez ao saxo alto; o pontevedrés Javier Abraldes, á guitarra; Daniel Corral, ao piano; Antón Iglesias, na batería; Fernando Sánchez, ao saxo tenor; Xan Campos, outro instrumentista coñecido, ao piano e Max Gómez, na batería.
Carballo lembrou que durante a traxectoria do Seminario Permanente de Jazz pasaron máis de cincocentos músicos durante máis de vinte anos coa intención de "normalizar" o música jazz en Pontevedra. Este ano está xa en funcionamento co obxectivo de recuperar en 2023 o formato habitual do ciclo de 'Jazz no Principal0 cos participantes na aprendizaxe desta edición. Algúns dos instrumentistas que pasaron polo SPJ xa eran artistas consolidados pero a formulación de crear música de maneira coral. Lembrou que non se fan probas de nivel para formar parte destas sesións porque o obxectivo é deixar atrás os prexuízos.
Ao longo dos anos de evolución do Seminario, ao redor dun centenar de músicos que pasaron por este espazo dedícanse profesionalmente ao jazz, algo "moi complicado", afirmaba Luís Carballo. Carme Fouces incidiu precisamente na conexión que se produce entre os participantes que moitas veces, con axendas moi complicadas, "tocan a rebato" para participar en calquera iniciativa artística que se propón desde Pontevedra.