"Dores" de Coral Piñeiro, mellor documental no festival de cine social universitario de Valladolid
Por Alejandro Espiño
O palmarés da primeira edición de SOCINE, o festival de cinema social universitario de Valladolid, ten presenza pontevedresa. Dores da realizadora arousá Coral Piñeiro gañou o premio ao mellor documental realizado por estudantes universitarios.
Dores, ópera prima de Coral Piñeiro (Vilagarcía de Arousa, 1998), é un curto documental que recolle as historias de catro persoas que, dunha forma ou outra, foron testemuñas ou transmiten os testemuños das consecuencias da represión franquista en Galicia.
Este traballo responde, segundo a súa creadora, á necesidade de loitar contra o esquecemento do sucedido durante a ditadura de Franco en Galicia e as súas consecuencias aínda presentes hoxe en día.
O seu premio estaba dotado con 2.000 euros.
A estes premios organizados pola Universidade Europea Miguel de Cervantes, que se entregaron o pasado martes no Teatro Zorrilla de Valladolid, concorreron un total de 77 traballos dunha trintena de centros universitarios e de educación superior de todo o país.
Na gala, conducida polo cómico Martín Luna, proxectáronse as curtametraxes gañadoras, que foron escollidas por un xurado profesional presidido polo director Enrique Gato, responsable de películas como Tadeo Jones e Atrapa la Bandera.
A el sumáronse os xornalistas Fernando de Haro e Javier Zurro, a actriz valisoletana Eva Marciel e a xornalista Janina Pérez.