O cantante e compositor pontevedrésJavier Lago volve a PontevedraViva Radio para falarnos do seu novo proxecto. Un traballo que poñerá sobre o escenario este venres próximo, día 28, na Sala Karma a partir das 21.30 horas. A principios de 2020 empezara a súa traxectoria artística en solitario. As ocasións que tivo para debullar as súas calidades ante o público foron en formato acústico e agora, por fin, pon lugar e data a "todo iso que tiven na miña cabeza nos dous últimos anos".
"Todo iso" é, en parte, que Javier Lago non estará só no escenario, senón acompañado dunha banda que conforman Raúl (tocados e guitarra) e que tamén é o seu produtor, Gonzalo (guitarra eléctrica) 'Pisca' (baixo) e Héctor (batería), cos que sente totalmente arroupado para este compromiso en directo. Será "unha noite de debut na que todo o que pase será exclusivo".
Hai unha semana publicou na súa canle de Youtube a canción máis recente, 'El temblor' (cuxo videoclip tamén foi dirixido polo propio Javier): "para min é como un peche de ciclo, pero ao mesmo tempo é unha apertura". Así, coméntanos que todo ese traballo que leva facendo no último ano estará presente nese directo deste venres e deixa entrever algo que "aínda está en cueiros" e que podería chegar nun ano ou dous á vista.
Desde o 'Cara a cara' fai unha chamada a quen aínda non tivese ocasión de velo en concerto e sómense a ese público que sempre o acompaña. As entradas para asistir a este directo pódense conseguir na billeteira da Sala Karma o propio venres e na web de wegow. O prezo é de dez euros o mesmo venres, oito euros anticipada.