Actuacións sorpresa en lugares inesperados, a comunidade Sofar Sounds chega a Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Actuacións musicais en formato íntimo e en espazos únicos. Ese é o espírito de Sofar Sounds, a comunidade global que conecta aos artistas co público a través da música en directo. Catrocentas cidades de todo o mundo forman parte xa desta rede cultural.
Unha das últimas en sumarse foi Pontevedra, que se converte así na terceira cidade galega, tras A Coruña e Vigo, en impulsar a súa propia comunidade local dentro deste proxecto.
O primeiro evento Sofar en Pontevedra celebrarase o vindeiro venres 27 de xaneiro, a partir das oito da tarde. O lugar, seguindo a filosofía desta rede, é aínda secreto. Só aqueles que compren a súa entrada descubrirano, unhas 36 horas antes do concerto.
Poden ser en calquera espazo e sempre tratando de ofrecer escenarios alternativos ou pouco usuais para este tipo de actuacións. "Son sempre sitios inesperados", explican os organizadores a PontevedraViva.
Así, museos, salóns de peiteado, terrazas, xardíns, tendas de roupa ou cafeterías con encanto, entre outros lugares, son algunhas das posibles localizacións para un formato cultural que ofrece sempre tres concertos de artistas emerxentes, que actúan preto de media hora cada un.
Artistas de todo tipo de xéneros musicais ou, mesmo, narradores, cómicos ou espectáculos de danza poden darse cita nun evento Sofar, que sempre busca que a súa oferta sexa "diversa e variada" para que se adapte aos gustos dun público heteroxéneo.
A decisión de aterrar en Pontevedra, aseguran os seus impulsores, é que ven nela unha cidade "que ten moito que ofrecer e con moitos lugares que explorar" onde poder organizar este formato de concertos íntimos que garanten "outra forma de vivir a música en directo".
Esta comunidade prevé programar concertos de maneira regular "aínda que sempre inesperada" con artistas "que queiran darse a coñecer", pero non descartan que cantantes ou grupos consagrados "poidan pasarse se queren e tocar nun formato diferente ao que están afeitos".
Desde que comezaron a traballar en Pontevedra, sosteñen os seus responsables, a recepción que están a ter é "marabillosa", o que reforza a súa intención de formar unha rede de colaboración que permita fomentar a unión entre artistas ou persoas que se dedican ao ámbito da creación.
Para este primeiro Sofar en Pontevedra apenas quedan un par de entradas á venda, a un prezo de 14 euros. Pero desde a comunidade aseguran que moi pronto haberá unha segunda data para descubrir unha nova proposta cultural que promete que chegou para quedar.