Lidia Aldao, Allova e André Busker Neves para un Sofar Sounds que 'redescobre' o Museo
Por Redacción & Mónica Patxot
Seguindo a filosofía desta comunidade global, Sofar Sounds ofreceu un novo encontro a cegas coa música ao público pontevedrés. E fíxoo, como é habitual, convertendo no seu escenario un espazo que non adoita acoller actuacións musicais.
A terceira planta do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, habitualmente pechado ao público a pesar de estar pensado como cafetería, foi o lugar elixido para esta segunda cita na cidade, na que a música soou co centro histórico -visible desde a terraza- de fondo.
Coas entradas totalmente esgotadas, como na súa primeira edición, Sofar Sounds volveu contar con tres actuacións musicais, das que o público descoñecía os seus protagonistas, que se moveron entre o jazz romántico, o indie-electrónico ou o blues.
A nova pontevedresa Lidia Aldao foi a encargada de abrir a velada. Tras facer unha versión diferentes cancións nas súas redes sociais, optou por presentar ante o público as súas propias composicións, temas cheos de emoción que interpretou a piano coa súa portentosa voz.
Tras ela, foi a quenda de Allova, un proxecto vangardista de música indie-electrónica con toques de trip-hop, creado entre Madrid e A Coruña e liderado por Alla Mikhaylova.
Gañadores do Premio Martín Códax da Música na categoría electrónica en 2021, apostaron por un formato acústico que convidou o público a bailar ao seu compás, a pesar de que os espectadores se atopaban sentados nos coxíns dispostos polo chan.
Desde Portugal chegou o terceiro artista deste segundo Sofar Sounds en Pontevedra. Foi André Busker Neves, unha auténtica banda de blues pero composta por un único home.
Afeito tocar na rúa, na Rúa Santa Catarina de Porto, despregou en Pontevedra todo o seu talento, adornando a súa voz con guitarra, harmónica ou mesmo o saxofón durante unha actuación que deixou ao público con ganas de máis.
Será, se todo vai segundo os plans previstos, cunha terceira edición nos que os organizadores aseguran estar xa traballando e que volverá apostar por este formato que tantos éxitos alcanzou en todo o mundo.
Relacionadas:
-
Artistas de Pontevedra, Poio e Barro, entre as novas participantes do programa Descúbreas
Por Redacción |
-
Regresa Sofar Sounds coa súa segunda cita en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Así foi a estrea de Sofar Sounds en Pontevedra, unha cita a cegas coa música
Por Alejandro Espiño |
-
Actuacións sorpresa en lugares inesperados, a comunidade Sofar Sounds chega a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |