Tanxugueiras serán cabeza de cartel do Sons de Ánkar

Por Redacción
O programa 'Primavera en Poio', unha iniciativa organizada pola Concellería de Festexos, incluirá concertos e actuacións musicais que darán comezo o 31 de marzo e que concluirán o 16 de maio.
Tal e como explica o responsable desta área, Xosé Luís Martínez, apunta de lanza desta nova oferta lúdica será o reformado Sons de Ánkar, que, tal e como xa adiantara o propio Martínez Blanco a finais do ano pasado, experimentará unha profunda transformación.
O festival desenvolverase durante toda a xornada do 29 de abril en San Salvador. Ademais de incluír diferentes citas lúdicas, o cartel estará encabezado por Tanxugueiras.
A maiores, incluirase a participación doutros grupos e artistas galegos "de renome e moi coñecidos polo público, que desvelaremos en poucas semanas", sinala o edil do Goberno municipal.
Desde a súa estrea no ano 2018, o grupo formado polas irmás Sabela e Olaia Maneiro e Aída Tarrío conta xa cunha consolidada traxectoria máis aló das fronteiras do país, grazas á mistura que nas súas composicións se fai da tradición milenaria cos ritmos urbanos, sempre coa lingua galega como gran protagonista. As autoras de temas como Figa, Averno ou Terra chegarán a Poio meses para presentar o seu último disco, Diluvio.
Ademais do Sons de Ánkar, o 'Primavera en Poio' incluirá actuacións de orquestras en todas as parroquias. As datas previstas para estes concertos serán o 31 de marzo (explanada na contorna do Centro Cultural Xaime Illa de Raxó), 1 de abril (praza da igrexa de San Salvador), 2 de abril (Praza da Chousa), 30 de Abril (Praza Alfredo Romay) e 16 de maio (Praza da Granxa de Campelo). Os nomes das orquestras serán anunciados proximamente, se ben Xosé Luís Martínez xa adianta que o grupo encargado de pechar esta primeira edición do programa primaveral será París de Noia.
Un dos grandes obxectivos da posta en marcha desta iniciativa é, tal e como explica o titular de Festexos, ofrecer á cidadanía unha fórmula de lecer de calidade fóra da tempada estival. "Entendemos que o cartel é o suficientemente importante e atractivo para atraer a visitantes ao noso concello nos meses de marzo, abril e maio, o que sen dúbida resultará moi positivo para dinamizar a actividade económica e hostaleira nesa época do ano", apunta o concelleiro do BNG.
"Esta programación é antesala ideal para o 'Verán en Poio', que comezará coas Festas de San Xoán (do 22 ao 26) e rematará en setembro coa Festa da Ameixa (16 e 17)", lembrou. A finais de xullo, entre o 27 e o 30, chegará unha nova edición do Festival Chalaniña, ao que, como gran novidade, neste 2023 sumarase o Chalana, o 2 e 3 de agosto.
Ademais, tamén retornará a Festa do Mar, do 23 ao 27 de agosto.
Relacionadas:
-
Sons de Ánkar adiántase a abril con Tanxugueiras como cabeza de cartel
Por Alejandro Espiño |
-
16.000 euros para impulsar unha nova edición do Plan Músico-Cultural
Por Redacción |
-
O Festival Chalana traerá en agosto á Orquestra Panorama e a Álvaro De Luna
Por Oskar Viéitez |
-
O festival Sons de Ánkar celebrarase o 29 de abril
Por Oskar Viéitez |