A Deputación celebrará "por todo o alto" o Día de Rosalía
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra conmemorará o Día de Rosalía "como merece, por todo o alto", cun acto no Pazo Provincial o 23 de febreiro, 17.30 horas. Será un espectáculo multidisciplinar conducido pola actriz Mónica Camaño, con ilustración, poesía e música.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada das deputadas de Cultura e Lingua, Victoria Alonso e María Ortega, presentou os actos organizados pola institución provincial para homenaxear ao "buque insignia da nosa cultura, da nosa lingua e das nosas letras", cuns actos que este ano volven contar coa colaboración da Casa de Rosalía e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
A programación prevista "homenaxeará a autora e porá en valor o seu papel como un dos primeiros referentes do feminismo en Galicia".
A Deputación lanza unha serie limitada de azulexos artesáns obra de Lucía Ares, da firma silledense "Coas Mans Artesanía", que serán o agasallo institucional.
En Pontevedra co acompañamento do presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira, plantarase nos xardíns anexos ao Pazo unha figueira filla da árbore monumental e senlleira dos tempos de Rosalía que vive na Casa da Matanza en Padrón. A continuación no salón de plenos Carme Adán, lerá o manifesto da AELG. Repartiranse, como cada ano, exemplares de camelia e dos libros da Colección Cíes (dos obradoiros de poética de San Simón) "A conversa expansiva" e "Dicir unha illa".
O artista Marcos Escudero, as poetas Alba Cid e María Lado e as intérpretes Margarida Mariño e Alba Barreiro farán un recitado poético con música en directo e ilustracións feitas en área.
CONCURSO ESCOLAR
Ademáis o departamento de Cultura organiza unha nova edición do concurso escolar "A Nosa Rosalía" para centros de Primaria e Educación Especial da provincia, que teñen que realizar colaxes feministas con materiais reciclables sobre a vida e obra de Rosalía.
A Deputación tamén organiza unha visita guiada ao xardín de camelias do Castelo de Soutomaior o 23 de febreiro centrada na camelia Rosalía de Castro.
O departamento de Lingua desenvolverá máis actividades prolongadas no tempo como a segunda edición do programa "Rosalía, a súa casiña, o meu lar" de visitas escolares á Casa-Museo e, en abril, instalarase no vestíbulo do Pazo provincial a exposición "Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía".
Relacionadas:
-
Nace en Pontevedra o Premio de Novela Histórica Dona Urraca, único en Galicia deste xénero
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Poio celebrará o Día de Rosalía con contacontos e a lectura pública da súa obra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra sairá o Día de Rosalía á busca da estrela que leva o seu nome
Por Redacción |
-
'Cómicas, habelas hainas', un espectáculo de humor feito por mulleres para público adulto
Por Oskar Viéitez |
-
Zarzuela galega para conmemorar o Día de Rosalía no campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Poesía e teatro en Bueu polo Día de Rosalía
Por Redacción |