Pontevedra sairá o Día de Rosalía á busca da estrela que leva o seu nome
Por Redacción
O Día de Rosalía, que se celebrará o próximo xoves 23 de febreiro, vaise conmemorar en Pontevedra dun xeito ben diferente. Será cunha intensa xornada que camiñará entre a música, a divulgación científica e a cultura poética.
Así, a área municipal de normalización lingüística, dirixida polo edil Alberto Oubiña, promoverá dúas actividades diferentes que se desenvolverán na cidade.
Dunha banda, ás 17:30 horas, o Parque de Amalia Álvarez será o escenario para o obradoiro musicado Figueiriñas que prantei, realizado por Antón Ke e Polo Correo do Vento, destinado a un público de nenos e nenas de máis de tres anos.
Xa na Avenida Raíña Vitoria haberá, a partir das oito da tarde, un recital poético da man de Estíbaliz Espinosa, que se mesturará coa busca da estrela que leva o nome de Rosalía, unha actividade da asociación astronómica Sirio de Pontevedra e os seus telescopios.
A estrela Rosalía de Castro foi nomeada no ano 2019, no mes de decembro, cando a estrela HD 149143, situada na constelación de Ofiuco, foi rebautizada co nome da escritora galega, pasando tamén o seu planeta asociado a chamarse Río Sar.
No caso de choiva, todas as actividades serán trasladadas ao Pazo da Cultura.
O Concello de Pontevedra busca con esta xornada participar na divulgación e posta en valor dunha figura clave para a lingua e a literatura galega como é Rosalía de Castro, cuxo impacto na cultura e sociedade do país é transversal e máis que recoñecido. É, sen dúbida, a muller galega máis influínte e estudada da historia.
Relacionadas:
-
As augas de Caldas que obraron en Rosalía de Castro "un verdadeiro milagre"
Por Redacción |
-
Poio celebrará o Día de Rosalía con contacontos e a lectura pública da súa obra
Por Oskar Viéitez |
-
Zarzuela galega para conmemorar o Día de Rosalía no campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Poesía e teatro en Bueu polo Día de Rosalía
Por Redacción |
-
A Deputación celebrará "por todo o alto" o Día de Rosalía
Por Oskar Viéitez |