A influencia galega na obra de Cristóbal Gabarrón poderá contemplarse no Museo de Pontevedra

Por Redacción
O Museo de Pontevedra inaugurará o vindeiro xoves 16 de marzo a exposición "Gabarrón Atlántico. Ronsel de Saudade", que mostrará por primeira vez a influencia de Galicia na obra do artista murciano Cristóbal Gabarrón.
A exposición, que contará co crítico de arte Antón Castro como comisario, ofrecerá ao público a oportunidade de revisar a carreira de Gabarrón, que desde finais dos anos 90 pasa longas tempadas na súa casa e estudo de Bueu.
A través dun centenar de obras, a mostra profundará na influencia galega neste pintor e escultor, que presentará en Pontevedra pezas realizadas en distintos xéneros, materiais e formatos, que forman parte das súas series máis representativas.
Nelas, segundo Castro, recóllese a influencia na paisaxe, na ósmose xeográfica da luz e o atlantismo oceánico, a orografía ou a tradición da pedra como identidade, etnografía e da antropoloxía do país que habita, desde as terras pontevedresas do Morrazo.
Gabarrón, ao que o comisario define como un "nómade xeográfico", logrou ser "permeable" á luz e natureza do Mediterráneo, á "sobriedade" castelá e leonesa, rexión na que residiu na súa mocidade, ou ao dinámico contexto cultural de Nova York.
A estancia en Galicia, subliña Antón Castro, permitiu ao artista definir a súa "variable atlántica" e empaparse da cultura, a paisaxe e a "ósmose xeográfica" da luz e o océano.
Relacionadas:
-
O Museo achega a obra de Cristobal Gabarrón á sociedade cunha charla e un obradoiro infantil
Por Redacción |
-
Cristóbal Gabarrón inaugura en Pontevedra a exposición sobre a súa "obra atlántica"
Por Redacción |
-
'Símbolos do conflito' do fotógrafo Xulio Gil invita a reflexionar no Museo de Pontevedra
Por Redacción |