O alumnado consegue 'cambiar o conto' na Deputación de Pontevedra
Este martes tivo lugar na Deputación de Pontevedra a entrega de premios do concurso Cambiemos o conto, unha iniciativa na que as estudantes de diversos centros educativos danlle a volta a cancións e relatos populares que teñen un compoñente machista. Esta actividade realízase baixo o amparo do Manifesto de Soutomaior.
O acto contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que fixo entrega do primeiro premio na categoría de bacharelato e Formación Profesional. Xunto a ela estiveron a entregar os premios Edurne Baine, Vitoria Alonso, Mariana Carballal e Mercedes Corbillón.
No acto, as premiadas leron fragmentos dos seus relatos gañadores, algo que deixou momentos emotivos para os alí presentes. Especialmente conmovida mostrouse Carmela Silva, que asegurou estar "emocionada como ou primeiro día, cando era unha nena e descubrín que non eran verdade vos contos de princesas".
Relatos populares como Al pasar la barca me dijo el barquero ou cancións máis actuais como Mala mujer de C Tangana foron algúns dos relatos inspiradores para as gañadoras, que viron neles un exemplo de contido machista implantado no noso día a día e transformárono nunha oportunidade para reivindicar a loita pola igualdade de xénero.
Outro dos grandes momentos protagonizouno Nerea Silva, alumna de 1º de bacharelato no IES San Tomé Freixieiro de Vigo e gañadora do primeiro premio na categoría de bacharelato e FP. Nerea acabou a lectura do seu relato coa afirmación "os grandes cambios non se conseguen dun día para outro, senón a pasos pequerrechos", frase que levantou os aplausos dos alí presentes.
A presidenta da Deputación pechou a entrega de premios asegurando que "tedes que cambiar este mundo, porque este mundo así non vai ben". Silva quixo eloxiar ás gañadoras pedíndolles que non deixen de escribir, poñendo en valor a dificultade de converter cancións en reflexións para contar outro relato e "cambiar o conto".
Carmela Silva tamén quixo dirixirse aos estudantes alí presentes, afirmando que "eles tampouco o teñen fácil" e que "temos que construír xuntos un mundo de igualdade". Tras o seu discurso, tivo lugar un monólogo de Carmen Conde.