Furious Monkey House: "Este disco únenos como banda. Xa non somos os cinco nenos cos seus pais"
Oneiric é o terceiro disco de Furious Monkey House. Pero, dalgunha maneira, é coma se fose o primeiro. O reinicio dunha carreira musical para uns artistas que queren deixar atrás a etiqueta de ser a banda de rock "dos cinco nenos cos seus pais".
Así o reivindican dous dos seus integrantes, Gonzalo Maceira e Irene Esteban, nunha entrevista con PontevedraViva para presentar un disco que, segundo subliñan, é o máis escuro e maduro da súa traxectoria. "É o traballo do que estou máis orgulloso dos que fixen en toda a miña vida", afirma o 'mono'.
"Creo que conseguimos un rollo que é bastante único", asegura o artista pontevedrés. Un álbum cuxas cancións, engade Irene, "reflicten moi ben o pensamento da nosa xeración e a incerteza na que vivimos". A súa primeira cita co público será na Sala Karma.
En que punto os atopades como banda?
Irene: É un pouco complicado. Estamos en épocas moi diferentes. Cada un está na súa propia etapa. A maioría, na universidade. En cidades distintas. Diego e Gonzalo traballan. Pero, ao mesmo tempo, sentimos que todo é un pouco como sempre.
Gonzalo: Levamos como banda desde 2013. É súper difícil manter un proxecto así tanto tempo con persoas tan dispares. A clave é que todos temos a nosa vida individual, iso respéctase e convive coa situación dos demais. Fai que o proxecto poida seguir adiante.
É san que cada un teña as súas propias inquietudes, non?
Irene: Desde logo. Antes eramos súper amigos, estabamos sempre xuntos. Agora seguimos sendo amigos, pero cada un crecemos dunha maneira diferente. Temos peculiaridades e o bonito é que nos respectamos. Buscamos como xuntarnos porque temos interese.
Gonzalo: Falamos moito. Discutímolo todo para estar seguros antes de tomar unha decisión. Facer este disco vai unirnos como banda. Ata o de agora seguiamos sendo a banda dos cinco nenos e os vinte pais que eran os que tomaban as decisións. Agora é outra cousa
Levades dez anos xuntos. Sentistes a necesidade de pensar cara a onde queriades ir?
Irene: Pensamos mesmo cambiar o nome da banda para ser outra cousa distinta. Este terceiro disco queriamos que non se relacionase co anterior. Non renunciamos a iso, pero queriamos que tivese un toque máis adulto. Antes eramos uns nenos facendo o que podiamos.
Este disco é o máis maduro. Por unha banda, algo evidente pola idade e o paso do tempo. Pero tamén no seu son diferénciase moito de todo o anterior
Gonzalo: O disco naceu nun punto no que a banda tiña que desaparecer. A pandemia foi moi dura, todos pasamos por moitas incertezas. Tentamos poñernos a facer cousas aos poucos, cada un desde a súa casa.
Cada canción naceu dunha forma moi diferente. Fomos sampleando o que puidemos, sacando sons e texturas novas. Experimentamos moito para lograr un son que fora completamente nova. Non hai o guitarreo e a batería de discos anteriores. É algo único.
Este é o disco que máis vos representa?
Irene: Neste momento da miña vida, si. Hai cinco anos sería o anterior. Os discos representan as nosas referencias musicais en cada momento, nosa propia madurez e o que se nos pasa pola cabeza, que non é o mesmo agora que hai dez anos.
Gonzalo: Gústame moito a relación que ten cada disco coa nosa idade. Flipábanos o que faciamos antes, eses retrousos fáciles e quedones. Neste disco custounos atopar os singles. Tivemos moitas dúbidas se a xente ía entendelo. Hai que darlle varias voltas.
Nos novos temas falades da angustia, de superar o duelo, da necesidade de evadirse...
Irene: É un disco máis escuro e realista. O que tratabamos nos discos anteriores non ten ningunha trascedencia. As letras deste álbum son todas de Mariña e eu síntome identificada. As nosas preocupacións son outras. Agora entendemos a vida doutra maneira.
Son todas elas preocupacións comúns...
Irene: Creo que definen bastante o pensamento da nosa xeración e a incerteza que vivimos. Pensa ademais que o disco se fixo en corentena. Foi cando xurdiu case todo e iso influíu moitísimo. Estou convencida de que o disco non deixará a ninguén indiferente.
"Vai ser a primeira xira sendo persoas que poden gozar diso e non uns nenos que despois de tocar ás sete da tarde téñense que ir durmir"
Empezaredes a xira o 14 de abril na Sala Karma. Tedes ganas?
Irene: Todos temos moitas ganas. Vai ser a primeira xira sendo persoas que poden gozar diso e non uns nenos que despois de tocar ás sete da tarde téñense que ir durmir. Apetécenos moito e empezar en casa sempre é moito mellor.
Gonzalo: A Sala Karma deunos nosa primeira oportunidade e sempre presentamos aí o que fomos facendo. A nosa intención vai ser multiplicar a enerxía do disco, porque é máis tranquilo. Queremos incendialo todo. Pasarán moitas cousas nese concerto.
Como venderías este disco?
Irene: Non llo ofrecería a xente da idade dos meus pais. Non lle dan ningunha oportunidade a nada que non vaia relacionado con eles. Non sei que diría, pero desde logo nunca diría o de acórdaste dos nenos aqueles? Non buscamos iso. Non é a música que sae en Los 40.
Gonzalo: O mercado agora está súper saturado e obrígache a discriminar moi rápido. Imos a toda hostia pola vida. Este disco ten temas de máis desenvolvemento. É algo diferente. É o traballo do que estou máis orgulloso dos que fixen en toda a miña vida. Conseguimos un rollo bastante único.
Relacionadas:
-
Furious Monkey House versiona "Lovesong", un dos grandes éxitos de The Cure
Por Alejandro Espiño |
-
Furious Monkey House estrea 'Oneiric', o seu terceiro álbum de estudo
Por Redacción |
-
A xira do novo disco de Furious Monkey House arrancará o 14 de abril na Sala Karma
Por Alejandro Espiño |
-
Segunda 'pílula' do novo disco de Furious Monkey House, a banda pontevedra estrea a canción "Mesmerism"
-
Así soa "In the void", o adianto do disco máis escuro e maduro de Furious Monkey House
Por Alejandro Espiño |