'Respect' proxectarase este martes en Pontevedra no ciclo de cine "Mulleres" de Afundación
Por Oskar Viéitez
Este martes 11 de abril, na sede pontevedresa de Afundación, proxectarase o filme 'Respect'.
A película forma parte do ciclo de cinema "Mulleres", formado por longametraxes nas que as mulleres son as protagonistas e nas que, nesta ocasión, se retratan as vidas de mulleres relevantes na música, a literatura e a política internacionais.
Trátase, en definitiva, dun ciclo transversal que ten como eixe vertebrador o empoderamento das mulleres.
'Respect' é unha película biográfica da lendaria cantante Aretha Franklin, que segue a súa carreira desde a infancia, cando cantaba no coro da igrexa do seu pai, ata que conseguiu a súa enorme fama internacional.
Esta proxección enmárcase na iniciativa solidaria "Cultura por alimentos" que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. O acceso a cada unha das sesións será a cambio da entrega de produtos non perecedoiros.
Neste mesmo ciclo xa se proxectou, o pasado 21 de marzo, 'Jackie' sobre Jackie Kennedy no que vemos reflectidas as luces e sombras da primeira dama máis famosa da historia, e o pasado 28 de marzo, a película 'Coñecendo a Astrid' que conta a vida da escritora sueca Astrid Lindgren, creadora de Pippi Calzaslargas.