Os 'libros para xogar' ilusionan a nenos e maiores nos primeiros compases do Salón do Libro
Por Redacción & Cristina Saiz
Frenética, como non podía ser doutra maneira, está a ser a actividade nestes primeiros compases da XXIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Centos de nenos e nenas gozaron xa das múltiples actividades da súa programación.
Ao longo desta fin de semana, a asistencia de público foi continua, demostrando que este evento, que está totalmente consolidado na cidade, segue sendo un dos máis esperados e queridos dos que se celebran en Pontevedra.
Seguindo a temática elixida este ano, os "libros para xogar", e con Colombia como país invitado, a programación do Salón ofreceu numerosas propostas nos seus primeiros días.
Así, ademais da inauguración da mostra Había Outra Vez, a compañía Cé Orquestra Pantasma ofreceu o seu espectáculo Fíos do querer, Pakolas presentou Ramona pequena vai á Lúa e A Gramola Gominola fixo o propio con As que máis molan.
Houbo ademais, entre outras actividades, obradoiros de videoxogos clásicos, cociña colombiana, tipografía, xogos artísticos ou ilustracións, contacontos con Pavís Pavós, Paula Carballeira, Elvira Ribeiro e Sofía Venzel ou música para bebés con Vero Rilo e Sonsoles Penadique.
Desde Colombia, pola súa banda, chegaron autores como Diego Alejandro Ruiz e Carolina Rueda, que protagonizaron unha sesión de lectura de contos colombianos.
A programación do Salón do Libro para os próximos días pódese consultar na súa páxina web.
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará até o próximo 7 de maio, ten actividade todos os días. De luns a xoves, de 17:00 a 20:00 horas; e o venres, de 17:00 a 20:30 horas. Os sábados e domingos están de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.
Relacionadas:
-
Primeiros pasos do Salón do Libro 2024, con cita para Orbil no salón de peiteado e homenaxe aos centros escolares
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Salón do Libro estrea a Escola de Escrita Xuvenil da man de Manuel Lourenzo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os centros de ensino toman o Salón do Libro co inicio das actividades concertadas
Por Redacción |
-
Centos de libros, na busca dunha nova vida
Por Redacción |
-
Centos de libros, na busca dunha nova vida
Por Redacción |
-
O Museo e o Salón do Libro, unidos a través da exposición 'Había outra vez'
Por Redacción |
-
Abre un Salón do Libro que promete "dar máis xogo que nunca"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |