O Museo e o Salón do Libro, unidos a través da exposición 'Había outra vez'
Por Redacción
O Museo de Pontevedra, ao abeiro do Salón do Libro, abriu este sábado a exposición 'Había outra vez', unha mostra organizada para contar un conto dende as paredes do Edificio Sarmiento e unir así arte e literatura. Deste xeito, arredor dun texto de Manuel Lourenzo González distribúen a obra de catro artistas ligados á cidade como son Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras e Xosé Carlos Seoane.
O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, destacou, en relación á unión entre Museo e Salón do Libro, que "o Museo de Pontevedra tiña que estar implicado nunha das iniciativas máis salientables da programación cultural da cidade como é o Salón do Libro".
Pola súa banda, a concelleira responsable municipal do Salón, Carmen Fouces, salientou na mesma liña que coa exposición no Museo de Pontevedra "séguese a robustecer" a visión do Salón do Libro como punto de encontro e colaboración entre administracións. Tamén é o resumo do Salón, dixo, "aglutinando todas as perspectivas que queremos traballar, a ligazón entre as diferentes disciplinas creativas e a conexión e o traballo colaborativo entre administracións".
No caso de Itziar Ezquieta, comisaria e creadora participante na mostra, subliñou que 'Había outra vez' ten unha 'precuela': a exposición 'Había unha vez' de Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane, á que agora se incorporaron Manolo Figueiras e máis ela mesma "con personalidades e xeitos diferentes no traballo".
Sobre a relación da mostra coa literatura, Ezquieta destacou que "quizais si que é certo que as nosas creacións, as de todos, teñen moito de conto… no sentido de que cada cadro, cada imaxe, conta unha historia". Por iso, explicou, concibiuse a exposición "como un proxecto que enfía á perfección literatura e arte. Porque quizais sexa unha mostra para ser lida e para xogar a mirar historias", finalizou.
A apertura finalizou cunha visita guiada pola sala da mostra a cargo de Manuel Lourenzo González, responsable dos primeiros Salóns do Libro e homenaxeado nesta edición, que creou un texto específico para o proxecto.
Nel narra a enigmática viaxe dun mozo que se ve obrigado a camiñar por un escenario de rúas labirínticas á busca de sinais que lle proporcionen a clave para saír e recuperar a súa vida e o seu pasado; unha viaxe que fornece desde a literatura, a modo de xogo, fíos que consolidan esa converxencia da obra artística plural.
Relacionadas:
-
O Salón do Libro estrea a Escola de Escrita Xuvenil da man de Manuel Lourenzo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Once obras galegas do século XX incorpóranse á colección permanente do Museo
Por Redacción |
-
Os centros de ensino toman o Salón do Libro co inicio das actividades concertadas
Por Redacción |
-
Os 'libros para xogar' ilusionan a nenos e maiores nos primeiros compases do Salón do Libro
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Centos de libros, na busca dunha nova vida
Por Redacción |
-
Abre un Salón do Libro que promete "dar máis xogo que nunca"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un texto de Manuel Lourenzo reúne nunha exposición do Museo a catro artistas
Por Redacción |
-
Laura Tova e Noemí Llantada, as seleccionadas polo Salón do Libro para darlle cor á Boa Vila
-
Este é o programa completo do Salón do Libro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un lobo anda solto pola Boa Vila
Por Oskar Viéitez |