As directoras Chantal Akerman e Kinuyo Tanaka, protagonistas de maio no CineClube Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Durante o mes de maio o CineClube Pontevedra continuará adentrándose na obra da cineasta xaponesa Kinuyo Tanaka (1909-1977), de quen proxectarán dúas longametraxes, subtituladas en galego, grazas á colaboración da Filmoteca de Galicia.
Dedicaranlle, pola súa banda, as sesións dos martes á cineasta belga Chantal Akerman (1950-2015), que vén de ser nomeada como a directora do mellor filme da historia por cineastas e críticos, pasando así a encabezar co seu filme "Jeanne Dielman" á primeira posición da influente lista de Sight&Sound, desprazando a "Vértigo", de Hitchcock.
O martes 2, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra poderase ver "Je, Tu, Il, Elle", dirixida por Chantal Akerman. No seu icónico e irreverente debut na longametraxe, con tan só 24 anos, a propia Akerman interpreta a Julie, unha solitaria moza que abandona o illamento do seu cuarto para facer autostop nas estradas de Bélxica e ir logo ao encontro dunha amante coa que protagoniza o que pasaría a ser unha das escenas de sexo lésbico máis emblemáticas da historia do cine.
O luns 8, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, proxectarase "Carta de amor", de Kinuyo Tanaka. Un filme de 1953, lanzado polo tanto un ano despois da fin da ocupación americana do Xapón, o debut de Kinuyo Tanaka na dirección cinematográfica explora os conflitos persoais e sentimentais de Reikichi, un veterano repatriado que procura o seu amor perdido ao tempo que traduce cartas de amor de mulleres xaponesas aos soldados americanos dos que foran amantes.
Con guión do gran cineasta Keisuke Kinoshita, Tanaka, que se reservou un pequeno papel secundario, utiliza as convencións do melodrama para iluminar algúns dos problemas e conflitos cos que se atoparon as mulleres niponas logo da Segunda Guerra Mundial.
O martes 9, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, "Jeanne Dielman, 23, Quai du Commerce, 1080 Bruxelles", de Chantal Akerman. Nesta longametraxe Delphine Seyrig dá vida á inmortal Jeanne Dielman, unha muller viúva a cargo do seu fillo, atrapada na escravitude do cotián. A súa vida segue unha orde inmutable: mentres o rapaz está na escola, ela ocúpase das tarefas domésticas pola mañá e exerce a prostitución pola tarde. Durante tres días o espectador asiste ao seu ritual continuo e milimétrico de coidados e tarefas domésticas ata que un xesto desencadea un derrubamento, ou unha liberación...
Para o luns 22, de novo ás 20.30 horas, no Teatro Principal, está programada "A señorita Ogin", de Kinuyo Tanaka. Tamén coñecida como "Amor baixo o crucifixo", "A señorita Ogin" está ambientada no Xapón do século XVI e narra o romance condenado ao fracaso da filla dun famoso mestre da cerimonia do té e un samurai devoto do cristianismo, que ademais está casado con outra muller.
No seu sexto e último filme como realizadora, Tanaka embarcouse na realización dun jidaigeki ou drama de época, un xénero considerado difícil e desafiante mesmo para os cineastas máis experimentados.
O martes 23 , ás 20:30 horas, no Teatro Principal "News from home". Cando só contaba con 21 anos, Chantal Akerman instalouse durante uns meses en Nova York. Anos despois, tras o éxito de "Jeanne Dielman, 23, rue du Commerce, 1080 Bruxelles", volveu á cidade norteamericana para filmar as súas rúas. Sobre estas imaxes, a propia Akerman le as cartas que a súa nai lle enviou desde Bruxelas no decorrer da súa primeira viaxe, cartas en que expresaba a preocupación pola filla e en que tamén lle comunicaba as novidades da familia e dos amigos.
Un belísimo retrato de Nova York, onde a cidade semella actuar para a cámara nunha coreografía de xente, arquitectura e sentimentos.
Por último, o martes 30 de maio, ás 20:30 horas, tamén no Teatro Principal "Toute une nuit" un filme no que trazando un percorrido por unha vintena de romances fortuítos, Chantal Akerman mergúllase na noite bruxelesa para explorar a aceptación e o rexeitamento amoroso. Coa intención de compoñer unha experiencia física máis que narrativa, Akerman prescinde practicamente do son e apoia a súa técnica en longas e distendidas tomas que mostran como unha serie de corpos se funden nunha noite de verán.
Relacionadas:
-
O Cineclube Pontevedra despide a tempada con ‘Disturbios’ e ‘Xente en domingo’
Por Redacción |
-
Marzo no Cineclube Pontevedra é o mes da directora húngara Márta Mészáros
Por Oskar Viéitez |
-
Xaneiro no Cineclube Pontevedra é o mes do cineasta portugués Paulo Rocha
Por Redacción |
-
O Cineclube Pontevedra despedirá o ano coa proxección de 'As harmonías Werckmeister'
Por Redacción |