Premio para tres imaxes que explican o que supón a creatividade
Por Redacción
Reunir múltiples visións do que a creatividade supón e significa. Ese era o propósito de concurso de fotografía en liña impulsado polo Campus Crea no marco da programación da Semana da Creatividade e da Innovación.
Aberto á participación de toda a cidadanía, este certame buscaba reunir en Instagram un conxunto de imaxes que permitisen reflectir a idea de creatividade no seu sentido máis amplo.
Das diferentes fotografías publicadas nesta rede social co cancelo #creaUVigo2023 polos inscritos neste certame, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio a unha imaxe que ten na natureza a súa principal protagonista e que foi realizada pola estudante Zeltia Patiño, que presentou unha fotografía coa que buscaba "reflectir a creatividade coa sinfonía de cores que compoñen".
A súa fotografía foi recoñecida cun primeiro premio, dotado cun vale de 200 euros para gastar en material formativo e educativo no comercio local.
Outras dúas alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Nerea Fernández e Cristina Pérez, foron así mesmo recoñecidas co segundo e terceiro premio.