Iníciase a Semana da Creatividade no campus coa ollada posta na innovación
Por Redacción
Este mércores comezaba a Semana da Creatividade e da Innovación, unha iniciativa do Campus Crea de Pontevedra coa intención de ofrecer máis de vinte actividades en facultades e escolas.
Ao longo dos próximos días desenvolveranse conferencias, talleres, actividades culturais e propostas gratuítas e de entrada libre nunha proposta que coincide con Culturkata, que promove a Facultade de Comunicación.
Eva María Lantarón, vicerreitora do campus, inauguraba con Emma Torres, decana da facultade, esta Semana da Creatividade e lembraba que o 21 de abril conmemórase o Día Internacional da Creatividade e da Innovación. Torres sinalou que a creatividade é a esencia de traballo da facultade e por iso elaboraron un programa no que se mantén o contacto co antigo alumnado para coñecer o seu desenvolvemento profesional.
O acto inaugural sumou a presentación da mostra titulada 'Do soño á realidade. 1500 ideas, 26 propostas de novos produtos', que se pode visitar na planta baixa da Facultade de Comunicación. Trátase dunha proposta promovida polos profesores Ana Dopico e Pedro Figueroa na que se ofrecen 26 carteis con ideas de novos produtos deseñados por estudantes da Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual durante un seminario de innovación.
Entre as ideas destacan elementos como unha neveira ou un armario intelixente ou unha aplicación para traducir linguaxe de signos. Tras presentar a exposición desenvolveuse unha conferencia a cargo da egresada Noelia Vázquez, responsable de innovación aplicada da consultora tecnolóxica Capgemini.
Este xoves 20 está prevista a presenza dos creativos Toni Segarra e David Torrejón no campus para presentar o libro 'Toni Segarra y la Publicidad'. Durante a mesma xornada vai desenvolverse tamén a Regata Cátedra Almirante Álvarez Ossorio – Trofeo Ría de Pontevedra.
A vicerreitora lembrou, por outra banda, que ata o 22 de abril permanecerá aberta a participación no concurso de fotografía en Instagram, que se inclúe no programa desta Semana da Creatividade, segundo indica o DUVI, dentro dun conxunto de actividades que se prolongarán ata finais da próxma semana, cando se celebren as Xornadas de Pensamento e Creación, na Casa das Campás, durante os días 27 e 28 de abril e actuacións musicais de Paulo Pascual e Samurá Trío.
Relacionadas:
-
Premio para tres imaxes que explican o que supón a creatividade
Por Redacción |
-
Toni Segarra, un dos creativos máis influentes, participará no Culturkata 2023
Por Redacción |
-
O campus celebra a semana da creatividade cun amplo catálogo charlas, talleres e actividades en todas as facultades
Por Redacción |