“Que a música faga de reparación se a xustiza non fai xustiza“
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acolleu este domingo a presentación do libro ‘A música represaliada. Unha foliada de memoria’, editado polo departamento de Memoria Histórica Provincial, no que se reúnen 23 artigos de persoas investigadoras que falan e lembran a persoas relacionadas coa música que foron silenciadas pola ditadura despois do golpe do 36 a causa das súas ideas.
A deputada de Memoria, María Ortega, destacou que este libro busca celebrar todo o legado que deixaron persoas "con sentido democrático" de principios do século XX e recuperar a súa música e as súas ideas, arroxando luz sobre moitas historias enmudecidas. Como gran novidade e achega ao país, rescata partituras esquecidas en faiados.
O evento serviu tamén como homenaxe e agradecemento a María Ortega e á técnica do departamento de Memoria Montse Fajardo.
Os colectivos de memoria fixeron senllos agasallos por sorpresa destacando o importante "tempo de memoria" realizado nos catro anos de mandato e a deputada destacou que "hai áreas que cambian a vida das persoas, e esta miña é unha delas".
Ademais, insistiu no agradecemento ás familias e as asociacións de memoria a súa colaboración durante os últimos catro anos traballaron á par da Deputación. "Nestes anos intentamos ser o voso altofalante e, aínda que esta etapa remate, seguiremos estando xunto a vós en San Simón, no Anguieiro, no Pozo da Revolta, na Regaduxa, en todo canto sitio coincidamos. Porque alá onde esteamos, e alá onde vos atopemos, bateremos xuntas contra o esquecemento", sinalou.
Ortega considera que a presentación deste libro é un "acto de xustiza", pois permitirá "que quede aquí o arrecendo destes catro anos e que non esquezan que seguimos loitando".
O acto tivo un marcado peso musical. Baixo a coordinación do investigador José Luis Do Pico e coa participación de Alejo Amoedo ao piano, interpretouse a peza ‘Mondoñedo’.
A profesora no Conservatorio de Santiago Isabel Samartín interpretou á guitarra a alborada de Chané, unha peza do reloxeiro vigués Evanxelino Taboada, que perdeu todas as súas propiedades e vivenda no 36, tendo que estar agochado coa súa familia ata o ano 39. “Que a música faga de reparación se a xustiza non fai xustiza”, subliñou antes de iniciar a súa peza.
O propio Orjais, a cantante ferrolá María Manuela e un bombardino –na honra ao subdirector da banda de Pontevedra asasinado- , cantaron as pezas ‘Venceremos nós’ e ‘A Rosalía’ xunto ao público, que tiña os textos para poder acompañar.
O evento tamén contou coa participación de Xurxo Souto, que explicou que grazas ao libro publicado pola Deputación "onde había silencio, ponse memoria".