A música electrónica de vangarda ten unha cita a partir deste venres co Senda Fest no espazo verde de Tafisa
Por Oskar Viéitez
Artistas reputados e emerxentes da música electrónica de vangarda actuarán esta fin de semana no Senda Fest.
Esta cita, herdeira do Festival Flop, trasládase ao espazo verde da antiga fábrica de Tafisa mantendo o seu espírito orixinal: un lugar de encontro lúdico, á vez que reivindicativo cunha programación musical diversa e inclusiva. A entrada será libre e gratuíta.
O edil de Festas, Demetrio Gómez, e o director do evento José González ‘Malaguita’, deron conta este martes da programación do Senda Fest que ten como cabeza de cartel ao DJ catalán John Talabot (Oriol Riverola).
José González destacou que John Talabot é un artista internacional que actúa en festivais de renome como o Primavera Sound, o Sónar ou o Bilbao BBK e tamén destacou a importancia da presenza feminina dentro do cartel. "O Senda é un espazo distinto, seguro, cunha gran presenza de artistas femininas, xerando un espazo lúdico ao tempo que reivindicativo", explicou.
Así, o venres 7 actuarán: John Talabot, Oma Totem, Nico e Guillermo Lucena. O sábado 8, o cartel queda configurado do seguinte xeito: Spacer, Mena G, Systema, Arque, Camilo Miranda, Christian Lem, La_ind0 e Certain People.
"Estamos empeñados e empeñadas en facer unhas festas que sexan para todos e para todas, onde cada quen poida atopar o seu cachiño preferido", dixo o concelleiro Gómez Xunqueira animando á cidadanía a que cada quen "poida descubrir cousas novas e outras formas de se divertir".
José González tamén sinalou que o Senda Fest é "un festival boutique onde coidamos o son, a programación, a contorna, os valores e os principios que temos. Temos unha cidade óptima para facer estas cousas", sinalou, "Pontevedra para min é ir un pouco adiantados aos tempos, amosando que é o que está a pasar por aí fóra".
Relacionadas:
-
GAL/EGO estréase no Náutico esta fin de semana para darlle un altofalante á música electrónica pontevedresa
Por Redacción |
-
O Senda Fest reúne 14 propostas musicais de vangarda a carón do Lérez
Por Cristina Saiz |
-
Pontevedra busca ser un "fervedoiro" cunhas Festas de Verán convertidas no 'Pontevedra Verán Fest'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |