Xornada de celebracións na apertura da Festa dos Libros
Por Cristina Saiz & María José Pita
"Somos a cidade que ten máis habitantes por librería de todo Galiza". Con este recordatorio, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores daba inicio ás actividades que durante toda a fin de semana terán lugar na praza da Ferrería ao redor dos libros, e que marcan tamén o comezo do programa das Festas de Verán.
Esta nova edición da Festa dos Libros reúne 14 librerías de Pontevedra, que durante tres xornadas ofrecen a súa oferta variada.
Acompañando aos stands de venda de libros, desenvolveranse 92 actividades para todos os públicos e máis de cen autores achegaranse a este evento para asinar as súas obras e falar cos seus lectores.
A xornada inaugural do venres tivo na mañá como protagonista á editorial Kalandraka, que fai o seu 25 aniversario. Para celebralo, organizouse "un maratón de palabra e ilustración", unha actividade na que diferentes persoas lían textos dos libros da editorial de referencia en literatura infantil e xuvenil namentres os ilustradores destes mesmos libros debuxaban nun panel á vista do púbico.
Abrían esta lecturas o alcalde capitalino e a escritora pontevedresa Fina Casalderrey, quen tamén é a autora homenaxeada nesta edición da Festa dos Libros.
O libro, en palabras de Fina Casalderrey, "é dos obxectos inventados que perdura a través dos tempos". Para a escritora candidata ao prestixioso Premio Hans Christian Andersen "o libro segue a conservar esa maxia, ese feitizo".
Nun chamamento a "apoiar o mundo dos libros" rememoraba as fermosas palabras de Federico García Lorca cando nun discurso na inauguración dunha biblioteca na súa vila natal de Fuente Vaqueros clamaba: "Yo, si tuviera hambre y estuviera desvalido en la calle no pediría un pan; sino que pediría medio pan y un libro".
Miguel Anxo Fernández Lores e Fina Casalderrey leron versos de 'Follas novas' e 'Cantares gallegos' recollidos no libro 'Rosalía de Castro. Escolma poética' editado por Kalandraka. Ao seu carón, a ilustradora Belén Padrón acompañaba as lecturas imprimindo a súa obra nun gran mural colectivo.
A responsable de comunicación de Kalandraka, Paz Castro, reiteraba as "grazas ao Concello de Pontevedra e a organización da Festa dos Libros e aos compañeiros das librerías que etsán hoxe aquí por facernos partícipes desta xuntanza e celebrar conncos o aniversario da editorial, un proxecto que leva asentado na cidade dende hai un cuarto de século, cunha identificación moi forte coa Boa Vila que nos veu nacer naquel ano 1998, e co noso compromiso de levar Pontevedra alá onde imos a nivel internacional, ás feiras a onde acudimos por todo o mundo, ou nos créditos de todos os libros".
En nome de Kalandraka, Castro adiantaba que o libro de Casalderrey 'Filla das ondas', que transcorre en Pontevedra, será recuperado pola editorial co gallo do 25 aniversario da creación da firma.
Este espírito colaborativo entre diferentes autores respirábase na xornada inaugural da Festa dos Libros. Foi o caso de Fina Casalderrey e Kiko da Silva que, a preguntas de PontevedraViva, desvelaban o proxecto conxunto no que están traballando. "É un libro especial porque é para cativos que teñen problemas na pel e é a primeira vez que vou colaborar con Fina ilustrando un relato seu nun libro completo. Ademais paréceme un tema moi necesario o de traer a literatura infantil e xuvenil a certas enfermidades que fan moito dano á cativada a nivel psicolóxico e social, e poder visibilizalas".
Durante a xornada inaugural xa se apreciaba a presenza dun gran número de visitantes, chamados tanto pola oferta de libros como polas diferentes actividades. Adriana Otero, desde o posto da librería Cronopios apunta o carácter diferencial da Festa dos Libros. "Non é unha feira, non é un salón, é unha festa, porque hai música e paneis onde os autores conversan cos lectores, e iso faino diferente".
Cronopios leva participando na Festa dos Libros dende a primeira edición. "Fainos moita ilusión porque a comunidade lectora de Pontevedra é moi activa e sempre crea unha expectativa todo o que se fai nesta fin de semana, ademais é un escaparate para todas as librerías de Pontevedra".
Ademais de Cronopios, na carpa da praza da Ferrería participan as librerías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas.
PROGRAMA DO SÁBADO
A Festa dos Libros continúa o sábado 8, cunha intensa programación. A poeta, cantante e astrónoma afeccionada Estíbaliz Espinosa, acompañada pola pianista Isabel Gómez Alonso, abrirá a programación no escenario da carpa coas súas Constelacións literarias. A creadora presentará tamén a cuarta edición do seu libro Curiosidade (Aira Editorial).
Da man da Libraría Paz, chegará ás 12.30 h Enfiando lecturas, cita clásica na Festa con catro autores e autoras pertencentes a diferentes disciplinas e xéneros literarios. Desta volta enfiaranse as lecturas das obras de Xosé Cabido (co ensaio A vontade de cambiar: homes masculinidade e amor, Laivento), Branca Novoneyra (coa obra de poesía As cunchas baleiras, Chan da Pólvora), Eli García (coa banda deseñada O grande aviario, Antela) e Ismael Ramos (e o seu libro de narrativa A parte fácil, Xerais).
Xa pola tarde, a partir das 18.15 h, os escritores Fina Casalderrey e Xosé Monteagudo conversarán sobre Pontevedra como materia prima para a creación literaria. Ambos os dous charlarán sobre a pegada da nosa cidade e a súa contorna nos seus libros e presentarán as súas novas novelas A muller xabaril e Vémonos mañá (ambas as dúas de Xerais).
Ás 19.15 h dará comezo a mesa redonda sobre a figura de Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2023. Malores Villanueva (Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia), Ramón Nicolás (Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo), Antón Mascato (Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil e De Compostela ao exilio interior. Francisco Fernández del Riego), acompañado polo ilustrador Pepe Carreiro, e Beatriz Liz de Cea (Don Paco, letras para a arte galega), moderados pola docente e investigadora Malós Cabrera, afondarán nos aspectos máis destacados da súa traxectoria vital e literaria.
Arantza Portabales e Ulises Bértolo tomarán a remuda ás 20.15 h para presentar os seus últimos thrillers, O home que matou a Antía Morgade (Editorial Galaxia) e La dama del Norte (Planeta), respectivamente.
O grupo lucense das Lupercais pechará o programa desta segunda xornada da Festa dos Libros de Pontevedra cun recital poético sobre a obra Unha antoloxía posible (Chan da Pólvora Editora) con voces emerxentes da nova poesía galega e con nomes consagrados pola crítica e os lectores como Abraham Pérez, Luís López Alonso, Antom Fortes, Miguel Ángel Curiel e Genaro da Silva.
Ao longo do sábado, nos postos das librarías estarán asinando exemplares dos seus libros Víctor Rivas, Laura Parrula, Lucía Mojón, Anxo Carramal, Rena Ortega, Federico Limeres, Perfecto Souto, Valeria Mederer, Juan Ricardo Baquero, David Pintor, Javier Marín, David Pintos, Xosé Manuel González "Oli", Branca Novoneyra, Eli García, Ismael Ramos, Samuel Ferro, Inés Mosquera, Eduardo Sánchez Martínez, Rober H.L. Cagiao, Adrián Morgade, Cristina Vatra, Abraham Pérez, Suso de Bustes, Francisco Narla, Fina Casalderrey, Fabio Rivas, Eva Mejuto, Susana Suniaga, Lola Fernández Pazos, Nuria Díaz, Elena Gallego Abad e Alba Guzmán Falcón.
Ademais, no exterior da carpa desenvolverase de 12.00 a 14.00 h unha observación solar da man da asociación astronómica Sirio. As persoas interesadas en participar empregarán un telescopio especial que lles permitirá ver o Sol con seguridade, ademais de apreciar detalles na superficie da estrela.
Relacionadas:
-
Pontevedra opta aos premios Follas Novas pola Festa dos Libros
Por Redacción |
-
A Festa dos Libros continúa cun domingo cheo de actividades
Por Oskar Viéitez |
-
A Festa dos Libros de Pontevedra abre as súas portas na Ferrería
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- O pontevedrés Fabio Rivas leva os relatos de 'A pintura debida' á Festa dos Libros
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- A pontevedresa Paula Cheshire, Premio Antifaz á Autora Revelación, ilusionada coa presentación "en casa" do seu último título
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- David Pintos trae á Festa dos Libros o 'Mago blanco' completando a súa terceira triloxía
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Nee Barros, unha das voces da literatura queer galega
Por Marisa Ciordia |
-
Fina Casalderrey e os 25 anos de historia de Kalandraka, polos de atención da Festa dos Libros 2023
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |