Pontevedra opta aos premios Follas Novas pola Festa dos Libros
Por Redacción
A Festa dos Libros, a pesar da súa xuventude, é xa un evento recoñecido en toda Galicia. De aí que non sexa estraño que o sector se fixe nela. Con esta feira literaria, que o Concello organiza en colaboración coas librarías da cidade, Pontevedra opta aos premios Follas Novas.
Estes premios, que distinguen cada ano as mellores obras e iniciativas do libro galego, fixáronse na Festa dos Libros de Pontevedra para a categoría de Promoción da lectura.
Os colectivos que organizan estes galardóns, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, veñen de finalizar a primeira fase deste proceso.
Deron a coñecer o listado de publicacións que forman parte desta primeira selección dos Follas Novas nas trece categorías dos galardóns que, ademais, inclúen unha categoría para persoas, colectivos, proxectos destinados á promoción da lectura e do libro en Galicia e en galego.
A partir de agora, será un xurado formado con persoas de recoñecido prestixio o que escolla os finalistas e os gañadores en cada unha das categorías destes galardóns.
Dentro da categoría de Promoción da lectura tamén están a biblioteca de Sober (Lugo), o Espazo Lectura de Gondomar, o Festival Literario de Allariz, a Librería Cartabón, a revista O Papagaio, o Grupo Ouriol, o club de lectura en Instagram Contos na lareira e As comadres das letras.