A cativada de cero a cen anos tén unha cita en 'Titirivedra'
Por María José Pita
Pontevedra será o epicentro do teatro de monicreques entre o 17 e o 23 de xullo. Na Alameda habilitarase un espazo para que seis compañías galegas e unha de Portugal ofrezan os seus espectáculo no ciclo 'Titirivedra'.
Unha cita que rememorará as representacións que se ofrecían nas feiras e romarías e que concentraban a todo tipo de públicos. Como indicaba o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez Junquera, é un teatro pensado para "cero a cen anos, para cativos e os que nos consideramos cativos".
Borxa Ínsua, o encargado da selección artística das compañías, recalcaba este carácter aberto a todas as idades, que terán a oportunidade de asistir a unha mostra do mellor teatro de monicreques e con técnicas variadas. "Poderemos desfrutar de marioneta de fíos e de teatro de luva, de feito temos un espectáculo de Títeres Cachirulo que trae a un autor de Pontevedra, Valle-Inclán, co espectáculo A cabeza do dragón. Temos tamén a Os Monicreques de Kukas que é unha das compañías máis potentes de Galiza e do resto do Estado español, é a compañía decana, naceu no ano ano 79, tráenos un espectáculo de mimo que conxuga os obxectos", sinalaba Ínsua.
O espectáculo de Títeres Alakrán, a compañía á que pertence Borxa Ínsua, pechará este ciclo de monicreques co espectáculo Circo Galaico, teatro de fíos baseado nas personaxes clásicas do circo que estará protagonizado por fauna galega, como un raposo, un xabarín ou Rivelina, unha cabuxa nada no Courel que acompañouno na presentación deste ciclo este venres na sede do Concello de Pontevedra.
Abrirá 'Titirivedra' o luns 17 de xullo a compañía portuguesa Marionetas de Rui Sousa, que é un exemplo da tradicional relación entre os artistas galegos e os lusos. Precisamente a través de Portugal chegara José Silvent Martínez 'Barriga Verde' a Pontevedra, onde se asentou e deixou pegada na historia deste arte ata os anos 60 do século XX. Para o edil de Festas, "como terra de 'Barriga Verde' cumpría recuperar o teatro de monicreques en Pontevedra". A compañía de Larraitz Urruzola lembrará a arte de Sirvent no seu espectáculo Dona Barriga Verde o mércores 19 de xullo.
PROGRAMA DE TITIRIVEDRA
Luns 17 de xullo | 19 h | Alameda de Pontevedra
"Marionetas de circo", por Marionetas de Rui Sousa
Martes 18 de xullo | 19 h | Alameda de Pontevedra
"Unha armadura de ferruxe", por Títeres Cascanueces
Mércores 19 de xullo | 19 h | Alameda de Pontevedra
"Dona Barriga Verde", por Larraitz Urruzola
Xoves 20 de xullo | 19 h | Alameda de Pontevedra
"A cabeza do dragón", por Títeres Cachirulo
Venres 21 de xullo | 19 h | Alameda de Pontevedra
"Xan Perillán e a maleta máxica", por Os Monicreques de Kukas
Sábado 22 de xullo | 19 h | Alameda de Pontevedra
"Monstrólogo", por Marionetas Trécola
Domingo 23 de xullo | 19 h | Alameda de Pontevedra
"Circo galaico", por Títeres Alakrán