Local Pop/Rock desembarca esta fin de semana na Boa Vila para dar visibilidade ao talento musical pontevedrés
Por Redacción
A oferta cultural e festiva en Pontevedra non cesa. Cos espectáculos de Itineranta percorrendo aínda as rúas da Boa Vila, o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, presentou este xoves un novo programa musical, o Local Pop-Rock, que traerá concertos a distintos recunchos da cidade durante as tardes do próximo sábado e domingo.
"É o momento do talento pontevedrés, este programa está adicado especialmente a eles e elas con música de diferentes estilos desde Pontevedra", explicou o concelleiro nacionalista.
O programa inclúe as actuacións de sete bandas locais desde as 17 horas da tarde.
O primeiro acto do programa é unha nova edición do Black Hole. Esta vez o micro aberto estará o sábado no Campillo de Santa María. A continuación, Rusty James & Fringe actuarán en Curros Enríquez ás 20 horas e pecharán a xornada Odiosos 5 na rúa Tetuán ás 22 horas.
Ao día seguinte, Saracas e Anita actuarán en Curros Enríquez ás 19.30 horas, Cora Velasco fará o propio nas escaleiras da Alameda unha hora máis tarde. Collerán a remuda Freshkiños ás 21.30 horas na Praza do Teucro e pecharán o programa Os Tonikash ás 22.30 horas na Praza da Verdura.
O concelleiro anima a toda a cidadanía a "gozar da música, da cidade e descubrir estes novos espectáculos, que non son os máis coñecidos pero van facer gozar a todos", rematou.
A presentación do evento, que tivo lugar no Campillo de Santa María, concluíu coa interpretación en directo dunha canción de Odiosos 5.
Relacionadas:
-
Local Pop-Rock: Pontevedra, unha cidade de música
Por Redacción |
-
Paraugas andantes iluminan as rúas con Itineranta
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Itineranta fará que "pasen cousas" nas rúas de Pontevedra desde o mércores ao venres
Por Manu Otero |
-
Abre a feira de artesanía e deseño Chalana con postos de venda e demostracións de teceduría artesá
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
Volve Festixeve e a súa singular "procesión laica das empanadas e roscas"
Por María José Pita |