Catro cineastas illaranse en outubro en Ons para desenvolver os seus proxectos
Por Oskar Viéitez
O FICBUEU presentou este luns o seu programa de residencias para cineastas na illa de Ons. É un proxecto formativo creado para darlle pulo a novos proxectos audiovisuais.
Profesionais de prestixio titorizarán a realizadores na creación de películas que aínda están en fase de desenvolvemento.
Este programa, no que o festival comezou traballar hai dous anos, conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC).
Na presentación María Ruiz-Falcó, co-directora do FICBUEU, incidiu no feito de que a residencia sexa de curtametraxes, o que considera "un valor diferencial, porque nos decatamos de que en España non hai practicamente nada similar".
Tamén quixo agradecer ao público a boa acollida que está a ter o certame, que continuará coa súa programación ata o vindeiro día 23 amosando o mellor cinema autoral e as principais tendencias cinematográficas en formato curto.
Nesta primeira Residencia FICBUEU, que terá lugar do 9 ao 15 de outubro en Ons, son catro os proxectos seleccionados de entre os 122 que se recibiron dende todo o territorio español, un tercio deles dende Galicia.
A titora será Isabel Peña (Zaragoza, 1983), guionista de películas coma "As bestas" ou "El reino" –coas que gañou sendos Goyas–, "Stockholm", ou "Que Dios nos perdone" y de series coma "Antidisturbios".
Para María Ruiz-Falcó, "é un luxo estrear o programa con ela, poder contar cunha muller coa súa traxectoria e a súa altísima calidade profesional".
CALIDADES E VARIEDADE DOS PROXECTOS
Para a selección dos proxectos, o equipo do FICBUEU fixo unha escolma inicial de 15 filmes candidatos. Despois, e en colaboración coa propia Isabel Peña, seleccionou os catro proxectos finalistas: son os de dúas directoras, Alicia Úbeda e Ángela Andrada, ambas de A Coruña, e dous directores, Jordi Sanz, de Barcelona, e Pablo Vilas, de Tenerife.
Ademais de Isabel Peña, traballarán tamén cos residentes a doutora, guionista e antropóloga Carmen Ávalos, quen abordará o guion desde a perspectiva de xénero; Pablo Lamosa, director de Cormorán VFX, quen afondará nos recursos orientados á mellora dos aspectos visuais dos proxectos; e a profesora e investigadora Elena Neira, quen dará a coñecer as novas vías de distribución para o cinema.
Ao remate da residencia, un dos catro proxectos de guion optará a ser producido pola produtora galega Nortecatro Cinema.
Manuel Pena, tamén co-director do FICBUEU, lembrou que "xa viñamos facendo clases de guion e pequenos cursos de rodaxe, pero queriamos ter un gran programa profesional e completo de apoio a ideas dende o seu inicio, co que se vexan resultados. Por iso imos intentar que un dos proxectos sexa realidade e pechar o círculo".
Relacionadas:
-
'Sismes' de Jordi Sanz Angrill é o guión gañador da Residencia FICBUEU
Por Redacción |
-
Isabel Peña, guionista de 'As Bestas', xa titoriza a formación de catro cineastas na Illa de Ons
Por Redacción |
-
A estadounidense "Endless Sea", unha historia de loita contra o sistema sanitario, triunfa no FICBUEU
Por Alejandro Espiño |
-
O director holandés Joris Ivens, pioneiro do cinema documental, protagonista do CadernoFICBUEU#4
Por Redacción |
-
O cinema retorna á programación cultural do campus co ciclo "Limítrofes"
Por Oskar Viéitez |
-
FICBUEU inicia este luns a 'Sección Oficial' con curtas relevantes nos Oscar, Berlín, Venecia e Cannes
Por Redacción |
-
A nova xeración do cinema galego, presente este domingo no FICBUEU
Por Redacción |
-
'20.000 especies de abellas', película candidata a representar a España nos Oscar chega ao FICBUEU
Por Redacción |
-
FICBUEU comeza este venres coa vangarda audiovisual internacional e reforzando o compromiso social
Por Redacción |