A biblioteca municipal de Poio retoma a súa actividade cun contacontos este venres
Por Redacción
A biblioteca municipal de Poio retoma a súa actividade coincidindo co inicio do curso escolar.
Este mércores achegáronse ata a instalación o alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, para escoitar as propostas da responsable da biblioteca de cara aos próximos meses e valorar novas iniciativas coas que impulsar este servizo para nenos e maiores.
Así, este venres (17.30 horas) a cativada poderá gozar do contacontos "Os contos da leiteira", a cargo de OQO Editora, dentro do programa "Ler Conto Moito" da Xunta de Galicia e con entrada de balde.
Esta historia dá voz aos relatos de mulleres intrépidas e tímidas, loitadoras e soñadoras pero tamén á propia condición de feminina, representada por animais que viven esas circunstancias. Contos de heroínas, galiñas valentes, leóns amorosos ou galos fachendosos que nos farán gozar e concienciarnos para que a igualdade sexa unha realidade.
Ademais, durante a visita á biblioteca, tamén puideron comprobar as obras que se fixeron durante este verán para mellorar a accesibilidade, coa instalación do ascensor que dá acceso ás salas de lectura e de consulta, así como para adaptar os baños para persoas con mobilidade reducida.
Relacionadas:
-
Poio aprobará dúas modificacións de crédito para pagar a primeira remesa do millón de euros que debe o Concello
Por Oskar Viéitez |
-
A Orde da Mercé quere reforzar o Mosteiro de Poio como centro cultural
Por Oskar Viéitez |
-
Poio acomete actuacións na Biblioteca de Campelo e nos contedores de todo o municipio
Por Redacción |