O TM Monte Porreiro, anfitrión na primeira fase da Europa Trophy Cup
Por Diego Espiño
Por segunda vez en toda a historia, unha competición europea de clubs recalará en Pontevedra. Farao de man do Tenis de Mesa Monte Porreiro, que os días 6 e 7 de decembro será anfitrión dun dos grupos da primeira fase da Europa Trophy Cup.
O Visit Pontevedra tomará a remuda, na súa segunda tempada en competición continental, de aquel Teucro que na campaña 95-96 disputou no Municipal unha eliminatoria da Copa EHF fronte ao Elektromos de Budapest.
Nesta ocasión o Monte Porreiro chega á Europa Trophy Cup tras ser segundo de grupo na fase inicial da ETTU Europe Cup celebrada nos Países Baixos, o que lle outorgaba un billete para a terceira competición europea en importancia.
"Esta primeira fase se vai a facer por proximidade dos equipos europeos, polo que o día 6 e 7 xogarán o Monte Porreiro e o Arteal de Santiago con dous equipos portugueses, o 1º de Mayo e o CD San Roque", explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na presentación do evento.
O escenario será o pavillón Multiusos da Xunqueira, onde o equipo local afrontará "tres partidos, son todos contra todos e clasifícase un para seguir na segunda rolda", sinalou Lores.
Ao seu lado o adestrador do Monte Porreiro, Nando Álvarez, asegurou estar moi orgullosos da evolución do clube, non só polos resultados, equipos ou número de xogadores que temos senón que evolucionamos á hora de organizar eventos importantes como foron campionatos de España e agora dar o salto á Europa Trophy, unha competición europea".
TORNEO PREESTATAL
Como complemento á histórica cita europea, os días 8, 9 e 10 de decembro o propio pavillón Multiusos acollerá outra competición, o Torneo Preestatal, no que se prevé unha alta participación de deportistas de todas as categorías.
Serán deportistas de "equipos que se acercan de todo o norte do Estado e que veñen a clasificarse para o Estatal que se celebrará este ano en Tarragona", afirmaron na presentación de ambos os eventos celebrada este luns no Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Éxito organizativo e de medallas para o TM Monte Porreiro no Preestatal de tenis de mesa
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Adeus á aventura europea do TM Monte Porreiro: o Arteal leva o pase á seguinte rolda da Europa Trophy Cup
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O TM Monte Porreiro curta a súa mala serie vencendo o CTT Olot (4-2)
Por Diego Espiño |
-
Segunda derrota consecutiva dun TM Monte Porreiro 'tocado' pola grave lesión de Nico Galvano
Por Diego Espiño |
-
A aventura europea do Monte Porreiro continúa e xogará a Europa Trophy Cup
Por Diego Espiño |