A Asociación de Xogadoras critica a falta de ambulancia medicalizada para atender a Patri na Raña
Por Diego Espiño
A complicada situación vivida o pasado sábado no pavillón da Raña, cun susto importante pola evacuación da gardameta Patri Arruti tras un duro golpe que lle fixo mesmo perder a consciencia, deu paso dous días despois a un cruzamento de comunicados entre a Asociación de Xogadoras de Fútbol Sala Feminino (AJFSF) e o Marín Futsal.
Tras varios minutos na pista, a porteira local terminou sendo evacuada en padiola e cun collarín para ser examinada no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra, onde pasou a noite en observación.
Con todo desde a asociación critican "a non presencia dunha ambulancia medicalizada (só había un médico) fixo que a xogadora, Patricia Arruti, fóra intervida por varias persoas (médico, xogadoras, corpo técnico e árbitros) sen ningunha sensación de control".
Ademais, denuncian no seu escrito, que Patri "tras 9 minutos sendo atendida e posteriormente inmobilizada cun collarín, tivo que permanecer nunha sala externa da pista esperando máis tempo para que chegase a ambulancia medicalizada e puidese ser trasladada ao hospital, xa que a ambulancia que estaba aparcada na instalación, por motivos que descoñecemos, non foi utilizada para trasladar á xogadora ao hospital a pesar da urxencia do caso, e Patricia Arruti tivo que esperar a outra distinta para o seu traslado".
A Asociación de Xogadoras quéixase ademais da atención da outra futbolista implicada, a visitante Iraia, que "non foi atendida por ninguén dada a gravidade de Patricia Arruti e a falta de organización e protocolo establecido".
Por todo iso solicitan que nas normas de competición pase a ser de "caracter obrigatorio, en todos os partidos, a presenza dunha ambulancia medicalizada ou con Soporte Vital Avanzado.
COMUNICADO OFICIAL pic.twitter.com/p6uwNw2Juz
— AJFSF - Asociación de Jugadoras de Fútbol Sala (@AJFSFemenino) December 4, 2023
RESPOSTA DO MARÍN FUTSAL
Horas despois de publicarse o comunicado da AJFSF o Marín Futsal respondeu da mesma maneira asegurando que cumpriu "con todas as obrigacións que lle resultan aplicables" a nivel de seguridade.
"Esta entidade, na totalidade dos seus encontros na Primeira División Feminina de Fútbol Sala, asume unha serie de compromisos superiores aos que establece a normativa coa finalidade de garantir a seguridade e saúde de todos os participantes e asistentes aos encontros", asegura a entidade marinense.
O Marín Futsal critica pola súa banda "este tipo de comunicados absolutamente improcedentes por parte dunha asociación que é presidida por unha persoa que é directiva da Real Federación Española de Fútbol", e compara a situación coa vivida en abril de 2022, sen comunicado da AJFSF, cando tivo que comparecer a un partido co Burela sen apenas xogadoras, entre outros motivos pola covid, que terminou sendo suspendido por non contar coas futbolistas mínimas sobre a pista.
Ante esta situación o club marinense asegura que se reserva o dereito "de iniciar todas aquelas accións en defensa dos seus dereitos e intereses".
Comunicado oficial del @marin_futsal en relación con el comunicado publicado por la #AJFSF pic.twitter.com/tLeg1qSxSx
— Marín Futsal (@marin_futsal) December 4, 2023
Relacionadas:
-
O Marín Futsal refórzase coa internacional brasileira Gi Portes
Por Redacción |
-
Un Derbi da Ría con dous equipos necesitados de puntuar
Por Redacción |
-
Ocasións sen recompensa para o Marín Futsal ante o Viaxes Amarelle (3-1)
Por Almu Dapena |
-
Derrota fronte ao Rayo Majadahonda e susto na Raña, con Patri evacuada en ambulancia
Por Diego Espiño |