Anímase o ritmo de recollida de dorsais para participar na San Silvestre 2023
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este mércores presentábase na praza da Peregrina a XL edición da San Silvestre, que se celebrará polas rúas de Pontevedra a partir das 17.00 horas do domingo 31 de decembro.
Charo Castro, presidenta da Ximnástica; Anabel Gulías, concelleira de Deportes; María Troncoso, representante de Coca-Cola, unha das patrocinadoras do evento como o son, entre outros, Froiz ou A Devesa, presentaban o evento deportivo con Víctor Riobó, director técnico da proba lúdica como se reflicte no cartel de Berto Fojo no que se fan referencias aos xogos de mesa.
Anabel Gulías agradecía á organización o cambio de percorrido motivado pola instalación das casetas para impartir clases na avenida de Montero Ríos. Esta situación provocou que a carreira teña a saída na avenida de Bos Aires, á altura da ponte do Burgo.
As persoas interesadas en participar nesta proba solidaria aínda poden inscribirse ata o domingo pola mañá e recoller o seu dorsal na Rúa Castelao, número 1, sempre que entreguen, como mínimo, un quilo de alimentos non perecedoiros, que será destinado ao Banco de Alimentos.
Riobó indicaba que xa se apuntaron ao redor de 2.500 persoas pero o obxectivo segue marcado en alcanzar a cifra de 7.000 participantes. A recollida de dorsais avanzou de maneira paulatina con cen por día ata a xornada do martes na que se entregaron máis de 600, dato que reflicte que a poboación se está xa animando para formar parte desta carreira que foi cualificado por Anabel Gulías como o "evento deportivo do ano".
Tere Abelleira, campioa do mundo de fútbol coa selección española, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, serán os encargados de dar a saída. Víctor Riobó lembraba que a futbolista pontevedresa pasou pola Ximnástica e que a súa familia está vinculada ao atletismo: "que mellor homenaxe para a cidadanía tela dando o pistoletazo de saída co alcalde, que é tamén una das súas ilusións".
O director da proba pediu aos participantes que accedan á zona de saída por Cobián Roffignac, xa que parte da avenida de Bos Aires atoparase pechada para o desenvolvemento da carreira.
Tamén recoñeceu a dificultade que supuxo elaborar o circuíto que "sempre tenta ser o máis céntrico e o máis visible posible", apuntou indicando que "media cidade está involucrada na San Silvestre".
O percorrido é máis curto que en edicións anteriores, con algo máis de 3.000 metros e sempre pensando na participación de familias con menores.
"Que se apunten, que este ano non nos vai a chover", animaba a presidenta da Ximnástica á cidadanía para participar neste multitudinario e tradicional evento deportivo que percorre as rúas de Pontevedra.
Relacionadas:
-
GALERÍA DE FOTOS.- Percorrido da San Silvestre (I)
Por Redacción |
-
GALERÍA DE FOTOS.- Saída da San Silvestre 2023
Por Redacción |
-
5.412 personas participan na San Silvestre 2023, a carreira máis divertida e solidaria
Por Anxo Lourido & Ramiro Espiño |
-
Tere Abelleira revisa a súa vida de "Campioa" na presentación do libro no Teatro Principal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Unhas 1.500 persoas incribíronse xa para participar na carreira de San Silvestre
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Restricións de tráfico durante o domingo 31 con motivo da San Silvestre
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
Tere Abelleira dará a saída á San Silvestre 2023 de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A San Silvestre 2023 reparte os seus primeiros dorsais
Por Diego Espiño |
-
Un percorrido máis curto e con cambios: Así será a San Silvestre de Pontevedra 2023
Por Diego Espiño |
-
A ponte do Burgo acollerá a saída da San Silvestre de Pontevedra 2023
Por Diego Espiño |