Bádminton e kick boxing centran unha xornada de recepcións a deportistas locais
Por Redacción
A primeira semana de ano está a ser momento para recepcións a deportistas locais no Concello de Pontevedra.
Se o martes estreaba estes actos a campioa mundial de ximnasia Melania Rodríguez, este mércores foi quenda para deportes como o bádminton e o kick boxing.
No primeiro dos casos o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Deportes, Anabel Gulías, recibiron a campioa nacional sénior de bádminton Raquel Miguens, xogadora do Ravachol Pontevedra que logrou o títutlo individual feminino do Campionato de España celebrado o pasado mes de outubro en Benalmádena.
Ademais de felicitala pola súa carreira deportiva, Miguens recibiu de mans do alcalde como regalo un colgante de Santa Clara.
Doutra banda a edil de Deportes recibiu despois catro promesas locais do kick boxing que compiten polo Kick Boxing Club Arcade e que lograron destacados resultados no último Campionato de España.
Tratábase de Pablo Veiga, Eduardo Vidal, Anxo Vidal e Gael Vidal, que estiveron acompañados polos seus pais e tamén polo seu adestrador, Manuel Álvarez 'Lito'.